Os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025 recollen partidas por importes de máis de 10 millóns de euros de inversión no concello de Mos. Este é un investimento histórico no que destacan 5 millóns de euros para o centro de coidados intermedios do Rebullón e 2,7 para a vivenda pública de San Eleuterio.
O Centro de Coidados Intermedios no antigo Hospital do Rebullón será o segundo deste tipo en Galicia xunto ao de Santiago de Compostela. Así mesmo, as persoas que reciban a alta hospitalaria poderán recuperarse por completo antes de regresar aos seus domicilios ou centros residenciais.
En canto á nova Vivenda Pública en San Eleuterio, serán un total de 20 novas vivendas de protección oficial, unha delas adaptada. Ademais, terán un total de 29 prazas de garaxe e 20 rochos, licitadas hai uns meses e con previsión de estar construídas no ano 2026. O importe total da obra ascende a 4,1 millóns de euros. Deste modo, a provincia de Pontevedra rexistra unha partida histórica de case 60 millóns de euros para o impulso dos grandes proxectos de Vivenda pública en Vigo, Pontevedra e Mos.
A alcaldesa Nidia Arévalo acompañada pola súa concelleira de facenda Felisa Rodríguez quixeron destacar esta mañá que “Se trata dunha inversión absolutamente histórica da Xunta de Galicia en Mos. Unha Xunta que sempre estivo presente e que agora amplía e reforza o seu apoio a este municipio”. Do mesmo xeito lembraron tamén que “este apoio nos orzamentos de 2025 demostra que cumprimos os compromisos adquiridos para que o Mos das oportunidades siga crecendo”.
Mos nos orzamentos da Xunta
Mos tamén contará con 700.000 euros para a nova Escola Infantil. Será a quinta escola infantil no municipio, dos cales os traballos de estudo xeotécnio xa comezaron o pasado mes de agosto. Ademais, o comezo da humanización do Novo Puxeiros terá un orzamento de 600.000 euros. Este é un proxecto de remodelación da entrada dende Vigo na conexión coa autovía que ofrecerá unha nova carta de presentación ao municipio mosense.
Por outra banda, o Novo Parque Empresarial de Arrufana contará con 484.196 euros. Permitirá atender as demandas de solo empresarial no municipio e facilitar a creación de postos de traballo en Mos. Tamén contarán con 233.221 euros para melloras no curso do Río Louro. Realizaranse melloras no río Louro ao seu Paso por Mos, Porriño e Salceda, cun prazo de remate en 2026 e unha inversión total de un millón de euros en dúas anualidades.
Mos estará presente tamén coa contratación do proxecto construtivo do novo centro de Saúde e este proxecto estará rematado en 2025. O orzamento prevé o crédito necesario para a contratación dos proxectos construtivos de diversos centros de saúde na área sanitaria de Vigo, entre eles encóntrase o de Mos.
Ademais, a mellora da accesibilidade do CEIP de Atín, na parroquia de Cela, contará con 150.000 euros. Levarase a cabo a instalación dun ascensor solicitado por toda a comunidade educativa deste centro. Mos tamén recibirá 106.000 euros para actuación na rede de saneamento.
Todas estas actuacións, que inclúen tamén os importes dedicados ás instalacións e persoal das escolas infantís situadas no municipio, superan os 10 millons de euros. Esta é unha cifra nunca antes comprometida nos orzamentos autonómicos para o municipio de Mos. Así mesmo, supoñen a posta en marcha e materialización de proxectos esenciais para o municipio que pronto comezarán a converterse en realidade.