jueves, noviembre 21, 2024
InicioConcellos +A CañizaA agrupación de concellos liderada por A Cañiza consegue unha subvención para...

A agrupación de concellos liderada por A Cañiza consegue unha subvención para aforrar auga

Os seis concellos reciben 4.809.629,89€ de forma conxunta para a mellora e modernización do ciclo urbano das augas

A agrupación, composta polos concellos da Cañiza, Melón, Mondariz, Mondariz Balneario, O Carballiño e Maside asinou un convenio de colaboración mútua o pasado 13 de decembro que lles permitiu solicitar o PERTE de dixitalización do ciclo da auga ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.

A resolución definitiva da subvención notificouse o pasado 16 de outubro, onde se comunicaba que a agrupación recibira tal subvención xunto a outras 49 agrupacións e concellos de toda España.

Concretamente en Galicia soamente recibiron a axuda 5 agrupacións/concellos. Na provincia de Pontevedra foron a agrupación da Cañiza, cunha aportación de 4.809.629,89€ e o Consorcio do Louro, con 4.719.912,04€. O proxecto de Arteixo, na Coruña, recibiu 1.288.570,63€ e o de Ames, 1.131.309,77€. Por último, o Concello de Ourense recibiu unha axuda de 4.297.590,93€. Sendo a agrupación da Cañiza a que recibiu a maior aportación.

Os cinco alcaldes da agrupación reuníronse o pasado luns no concello da Cañiza co alcalde Luis Piña, quen ten concedida por poder notarial a representación para tramitar a subvención.

Os rexedores manifestaron a súa satisfacción «por ter conseguido esta importantísima subvención que permitirá elaborar os proxectos necesarios para transformar, modernizar e mellorar a eficiencia do ciclo urbano das augas, entre elas o cambio de todos os contadores de auga no casco urbano por contadores intelixentes».

A subvención, aseguran os alcaldes, «beneficiará a unha población total de 28.065 veciños e veciñas» e ten por obxectivo «conseguir un uso máis eficiente da auga, mellorar a xestión do abastecemento e lograr mellores niveis de aforro deste ben natural».

O proxecto subvencionado polo MITECO contempla a repartición da subvención do seguinte xeito: 1.499.896,36 € para o concello da Cañiza, 1.488.423,68€ para O Carballiño, 486.808,92€ para Mondariz, 497.189,34€ para Mondariz Balneario, 342.955,37€ para Maside e 494.356,22€ para o Concello de Melón.

A axuda cubre o 100% do importe do proxecto presentado e os concellos percibirán o 80% das axudas por adiantado, tendo que financiar únicamente o 20% que será porteriormente aboado tras a xustificación final das actuacións que deberán estar rematadas antes do 30 de xuño de 2026.

As posibles actuacións que se poden realizar grazas a esta subvención son: implementar equipos de medida e de control de parámetros, plans de emerxencia, plans integrais de xestión dos sistemas de saneamento, plans para o fomento da auga rexenerada, plans municipais de protección civil fronte a inundacións, estudos para o diagnóstico, o control e a xestión de fugas estruturais, estudos hidroxeolóxicos e unha modelización cartográfica e numérica das redes de abastecemento e saneamento.

Os alcaldes subliñaron que «esta importantísima achega será fundamental para avanzar na modernización das redes de auga potable dos concellos, e que grazas a ela poderán cumprir cos obxectivos marcados nas axendas autonómicas e nacionais«.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS