martes, octubre 22, 2024
InicioNewsActualidadeO sector do transporte vai á folga en Galicia para reclamar unha...

O sector do transporte vai á folga en Galicia para reclamar unha xubilación anticipada

Conta atrás para que os profesionais do sector do transporte pare en Galicia co obxectivo de reclamar unha xubilación anticipada. Así, os traballadores e as traballadoras realizarán a primeira xornada de folga o próximo 28 de outubro e continuarán co paro ata en seis ocasións máis. No caso de que non se chegue a un acordo, converterase en indefinida.

Neste contexto, dous dos sindicatos maioritarios de Galicia, CCOO e UGT, fan un chamamento ás traballadoras e traballadores do transporte de mercadorías e viaxeiros por estrada e o transporte público urbano para que participen «de maneira masiva nas sete xornadas de folga convocadas para esixir a xubilación anticipada».

Os paros serán os días 28 de outubro, 11, 28 e 29 de novembro e 5, 9 e 23 de decembro. A partir desta última data, a folga sería indefinida.

As dúas organizacións piden que se recolla no convenio unha xubilación parcial con contrato de substitución, voluntaria para a persoa condutora que poida acumular de forma continuada a porcentaxe de horas que ten que traballar e que, no seu lugar, entre unha persoa nova. en todo caso e segundo indican, «esta sería unha solución provisional ata que se fosen acumulando coeficientes redutores «pola penosidade e o perigo da profesión», aducen.

Tamén atangue aos autónomos

Deste xeito, CCOO e UGT agardan que «a esta mobilización se sumen outros sindicatos que, a día de hoxe, aínda non confirmaron o seu apoio á folga» e lembran que os motivos da convocatoria tamén implican aos condutores profesionais que realizan o seu labor por conta propia.

Neste sentido, sinalan que «a Lei 10/2007, do Estatuto do traballo autónomo, establece que poderán acceder á xubilación anticipada «nos mesmos supostos e colectivos para os que estea establecido o dito dereito respecto dos traballadores por conta allea».

Por esta razón, CCOO e UGT entenden que «as asociacións profesionais de traballadoras e traballadores autónomos e as propias persoas autónomas do sector están de acordo na necesidade de adiantar a súa idade de xubilación por razón da penosidade e perigosidade da profesión e deberían apoiar a convocatoria de folga.

Bloqueo

CCOO e UGT denuncian que «tanto o Goberno como as patronais bloquearon o acceso á aplicación destas medidas» polo que «a folga do sector non se dirixe só ao Goberno, para esixirlle unha regulación, senón que tamén vai contra as patronais do transporte por estrada como responsables directas das condicións de traballo».

Ambos sindicatos inciden en que «desde hai meses leváronse a cabo distintas accións, como reunións coa patronal e solicitudes de encontros cos ministerios implicados —Transportes, Traballo e Seguridade Social—, concentracións e mobilizacións, así como iniciativas parlamentarias a petición dos sindicatos» e en que «todas estas medidas resolvéronse sen avances, o que non deixa máis saída que a convocatoria de paros no sector».

Desde CCOO e UGT pídenlle «comprensión» a toda a sociedade polos efectos negativos que poida ocasionar a folga, coa que, en última instancia, «estamos a velar pola seguridade viaria de todos e todas e por unha mellor calidade de vida da clase traballadora».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS