Os días 8 e 9 de novembro, a vila de Mondariz Balneario converterase nun escenario itinerante que acollerá o I Festival Literario do municipio, e que estará adicado nesta primeira edición a Ramón Cabanillas.
O festival realizarase en diferentes localizacións da vila e terá actividades para todos os públicos e grupos de idades. A figura de Ramón Cabanillas será a protagonista desta primeira edición «pola súa pegada e historia na vila termal, da que tamén foi concelleiro» aseguran dende o goberno local.
Programación
O venres o festival dará comezo coa visita do alcalde de Cambados e a neta do poeta e seguidamente, Bieito Ledo dará unha conferencia sobre a súa figura.
O sábado pola mañá, Anxo Raxó impartirá un obradoiro literario xuvenil e de seguido serán as presentacións das novelas «A historia de Sara» e «Xoán, Xoana», do autor Francisco Castro.
Pola tardé, haberá unha mesa de escritores na que versarán sobre a figura de Ramón Cabanillas e na que se procederá á lectura dos seus textos. A continuación, Xaime Fandiño será o encargado de falar sobre o ‘Edadismo‘ e presentará a súa novela «El último concierto». O peche do festival será coa actuación da artista galega, Paula Meda.
«Este festival nace coa intención de recuperar ese espazo especial que era Mondariz Balneario para todos os escritores, pensadores e artistas», aseguraba César Gil, alcalde de Mondariz Balneario. «Non hai mellor opción que dedicarlle esta primeira edición a Ramón Cabanillas, que foi un dos grandes escritores que pasou por Mondariz Balneario».
Pola súa banda, a escritora Elena Comesaña, asegurou na presentación do festival «estar moi agradecida ao Concello por dar a oportunidade de organizar este festival nun lugar tan importante e con tanta historia». «Será unha fin de semana completa de actividades interesantísimas nas que calquer persoa e os amantes da lectura poderán gozar nesta vila».