O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace á licitación dos contratos de redacción dos proxectos para transformar 18 locais en vivendas de promoción pública nos concellos de Narón, Ourense e Pontevedra. “É a primeira vez que a Xunta inicia os trámites para converter locais da súa propiedade en inmobles protexidos”, resaltou o presidente que asegurou que se trata de espazos “que levan moito tempo desocupados”.
Esta medida enmárcase no obxetivo do Executivo de “duplicar” o parque público residencial nesta lexislatura “ao pasar de 4.000 a 8.000 inmobles” e tómase ao abeiro do decreto aprobado a finais de 2023 que permite que comercios ou baixos que dan a rúa podan ser vivendas sen necesidade de modificar o PXOM sempre que cumpran con varios requisitos. Entre eles, estar en edificios residenciais ou cumprir coas normas de habitabilidade.
A licitación autorizada hoxe no Consello da Xunta suporá un investimento autonómico
que rolda os 200.000 euros e inclúe os contratos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para o cambio de uso de locais que se destinarán á construción de máis vivendas de promoción pública nestes tres municipios.
Onde se ubican os locais?
En concreto, no municipio de Narón trátase de impulsar a execución de 12 vivendas protexidas na primeira planta dun edificio existente na rúa Ponte Pielas, en Freixeiro. Na cidade de Ourense, baixo este contrato proponse a redacción do proxecto para executar dúas vivendas nos locais C1 e B2 da rúa Rafael Dieste (1 á 11). En Pontevedra, trátase de construír catro vivendas de promoción pública nos locais situados nos bloques 1 e 3 da parcela 13 de Valdecorvos.
A Xunta de Galicia licitará nas vindeiras semanas estes contratos autorizados hoxe polo Executivo autonómico. O obxectivo da Xunta é contribuír a reforzar a oferta residencial en contornas urbanas, que adoitan concentrar a maior demanda.
Con esta nova contratación, o Goberno galego segue impulsando a construción de vivenda de promoción pública nas grandes cidades e as súas áreas de influencia, ademais de incrementar o parque de vivenda na comunidade autónoma.