Os concellos de Arbo, As Neves, A Cañiza e Crecente aproban en pleno o protocolo para a creación da Eurocidade do Miño, xunto coa vila lusa de Melgaço. Na actualidade, o municipio do outro lado da raia está á espera do informe favorable do goberno de Portugal.
O principal obxectivo da creación desta Eurocidade é achegar as poboacións que a compoñen a través dunha rede de transporte público a demanda, segundo explica o Concello de Arbo. Así, o proxecto, desenvolvido por esta administración local así como pola das Neves, da Cañiza, Crecente e Melgaço, «pretende ofrecer un mellor servizo de transporte entre os cinco municipios para facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas«.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, detacou que «os concellos comprométense á colaboración e ao intercambio de información, coñecementos e experiencias, especialmente en temas que afecten ao deporte, á cultura, ao patrimonio, á promoción, ao emprego, á política social e ao turismo, así como a favorecer o traballo conxunto promovendo a participación dos asinantes en encontros e congresos».
Co fin de recoller información básica para o estudo das rutas e a viabilidade do servizo, elaborouse un formulario para que veciños e veciñas fagan suxerencias e indicacións sobre o servizo. O cuestionario estará habilitado ata o venres 25 de outubro.
Podes aceder ao cuestionario na seguinte ligazón.