viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui colabora na campaña de doazón de rexistros sonoros en galego co...

Tui colabora na campaña de doazón de rexistros sonoros en galego co proxecto Nós

A colaboración será o próximo xoves, 24 de outubro, na aula CEMIT onde se recollerá as voces da cidadanía para rexistrar recoller as variedades fonéticas e dialectais do Baixo Miño

O Concello de Tui colabora na campaña de doazón de voz realizada polo proxecto Nós. Esta iniciativa ten por obxectivo rexistrar as voces da cidadanía para recoller as variedades fonéticas e dialectais do Baixo Miño para que a lingua galega estea tamén presente nas novas tecnoloxías. A campaña chegará a Tui o próximo xoves, 24 de outubro.

Así mesmo, precísanse persoas voluntarias que desexen participar ofrecendo a súa voz mediante a lectura de diversos textos propostos pola organización. Esta recollida será ao longo de diversas quendas o vindeiro xoves 24 de outubro na Aula Cemit de Tui (Edificio “Francisco Sánchez”- Antiga Área Panorámica, con entrada pola porta nº 4). Precísanse polo menos 5 persoas en cada quenda que falen arredor de quince minutos por cada tramo de media hora. Xente de todas as idades teñen cabida neste proxecto colaborativo, co obxectivo de recoller as variedades fonéticas e dialectais de Tui e a comarca do Baixo Miño.

As persoas interesadas poden inscribirse no formulario dispoñible en tui.gal, ou presenciamente na Biblioteca Municipal ou na Radio Municipal de Tui. Ademais, deberán elixir o tramo horario no que acudir. A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, explica que a finalidade da campaña é “crear un rexistro o máis variado posible”. Para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais, para o que compre recoller mostras de voz de xeito presencial coas persoas voluntarias que se inscriban nesta campaña. As súas voces nunca serán públicadas senón que serven para que os programas tecnolóxicos poidan recoller e trasladar fielmente as expresións de calquera usuario.

Proxecto Nós

O proxecto Nós pretende que a lingua galega non fique excluída dos novos desenvolvementos dixitais e converter a Galicia en vangarda na elaboración de produtos baseados en Tecnoloxías da Linguaxe. A través da campaña estase a conseguir un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres. Así mesmo, o desenvolvemento de ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuitamente, por institucións e empresas para desenvolver produtos finais totalmente compatíbeis coa interacción en lingua galega, tanto de forma oral como escrita. É dicir, cando o proxecto estea rematado, calquera institución ou empresa, poderá acceder de balde a ferramentas como sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala ou de xeración automática de texto.

Para conseguilo é preciso facer previamente cunha grande cantidade de texto e audio en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. Para iso, o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente. Por unha banda, a través de captación de voces en liña a través da súa web. Por outra, trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS