viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsActualidadeLuz verde para que Santiago de Compostela implante a taxa turística a...

Luz verde para que Santiago de Compostela implante a taxa turística a partir do 1 de xaneiro de 2025

A Lei de Medidas dos Orzamentos para 2025 recollerá a habilitación normativa para crear a taxa turística que pide o Concello de Santiago. Así llo confirmaron esta mañá o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, á alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

Miguel Corgos destacou que o imposto sobre estancias turísticas será voluntario e estará xestionado ao 100% polos concellos que o decidan. O conselleiro de Facenda explicou que na Lei de Medidas se recollen as características que deberá ter esta taxa, pero, como mínimo, o 80% dos ingresos derivados da taxa terán que ir destinados ao fomento e desenvolvemento do turismo sostible.

Ademais, aclarou Miguel Corgos, a norma permitirá aos concellos establecer unha recarga sobre o imposto, en aplicación da súa autonomía municipal. Porén, os que decidan aplicala terán que aprobar unha ordenanza fiscal na que se xustifiquen as súas razóns, así como unha análise do impacto e eficacia da recarga. Os concellos que opten por facelo, deberán asumir a xestión, aplicación, recadación, inspección e potestade sancionadora da recarga.

Desde a Xunta de Galicia, indican que «o único concello que de momento amosou interese en aplicar un imposto sobre estadías turísticas é o de Santiago de Compostela, non é unha demanda xeneralizada en Galicia». Está previsto que a habilitación legal necesaria para o imposto estea lista a partir do 1 de xaneiro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS