«Cortello de amor» é a nova obra de teatro da compañía Amorodio baixo as letras de Laura Porto, unha dramaturga galega que xa participou noutros proxectos como, por exemplo, «A Nai».
O actor Javier Castiñeira e a actriz Carmen Facorro son os encargados de poñerlle voz e cara a Jack e Rose, unha parella de mozos que unha noite decide durmir no faiado para deixarlle o seu apartamento ao seu grupo de música favorito. A súa paixón reavívase nese pequeno espazo e teñen a idea de sacar un «extra»alugando o apartamento a turistas mentres eles pasan as noites no seu niño de amor.
Cando as cousas comezan a complicarse, terán que preguntarse se acaso o seu niño non será un cortello… E todo o que fixeron, «unha merda». Descubrímola coa autora do texto, Laura Porto, quen explica que o proceso de creación levouse a cabo de xeito colectivo.