Os traballadores e traballadoras do Concello de Ourense responden ás criticas que vén de lanzar o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, diante do anuncio de dous días de folga e acusan ao rexedor de ser o «único responsable» deste paro.
Tras a Xunta de Persoal celebrada no Edificio Sindical e coa presenza de máis dun centenar de persoas, os traballaodres e as traballadoras chegaron a un acordo co que se convocan dous días de folga, coincidindo cos días 31 de outubro e 4 de novembro.
Neste sentido, o presidente da Xunta de Persoal, Javier Nóvoa, recalca que «todo o que funciona no concello de Ourense é grazas á solvencia do persoal e, a pesar de Jácome». Ademais, insiste en que a «única mala fe que existe é por parte do alcalde».
Refírese Nóvoa ás declaracións do rexedor da cidade das burgas nas que aludía «á mala fé e a picaresca dos traballadores» ao convocar estes dous días de paro no Concello.
Maltrato e insultos
Así, o presidente recalca que «as e os traballadores estivemos calados moito tempo, aguantando maltrato e insultos constantes de Jácome, intentando tapar a súa incapacidade de xestión» pero asegura que «xa está ben».
En resposta ás declaracións do alcalde, Javier Nóvoa manifesta que é «o colmo da manipulación, se lle parece facemos a folga cando ao señorito lle pareza ben«.