viernes, octubre 18, 2024
InicioO PaísA CoruñaOs orzamentos de 2025 da Xunta aumentan nun 5% para "impulsar o...

Os orzamentos de 2025 da Xunta aumentan nun 5% para «impulsar o crecemento de Galicia»

Estas contas para o vindeiro ano cimentan o benestar dos maiores, os servizos ás familias, a promoción da vivenda e o impulso aos sectores produtivos

O Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2025. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe esta aprobación dos «presupostos máis altos da historia de Galicia”. A través dos orzamentos aumenta o investimento en infraestruturas e no reforzo da actividade empresarial preto dun 5% (4,7%). O obxectivo é impulsar o crecemento futuro de Galicia. Así mesmo, medra o Orzamento galego para o vindeiro ano nun 2,6%.

Deste xeito, tal e como resaltou Rueda, “Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma” e “será unha das primeiras comunidades” en facelo coa previsión de que podan entrar en vigor “ o 1 de xaneiro de 2025”. Trátase duns orzamentos, segundo salientou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, elaborados desde “o rigor e a prudencia” que buscan dar “certezas as familias e as empresas” da comunidade.

As contas autonómicas ascenden a 13.954 millóns de euros para cimentar o benestar dos maiores, os servizos ás familias, a promoción da vivenda e o impulso aos sectores produtivos. Estes orzamentos consolidan o crecemento económico postpandemia e garanten a solvencia das contas en liña coas novas regras fiscais. Ademais, impulsan a vivenda, reforzan os servizos públicos e continúan baixando impostos, ademais de consolidar as rebaixas fiscais vixentes. E, por segundo ano consecutivo, sen recorrer a un novo endebedamento. “Galicia leva 15 anos sendo un referente de España no control do déficit público e mellorando servizos”, indicou Corgos.

Entre as iniciativas que sustentan a base para impulsar o crecemento atópanse as enfocadas a acadar a transformación dixital e o fortalecemento do sector primario. Tamén destaca o apoio ao desenvolvemento empresarial, a internacionalización do tecido industrial ou o pulo ao I+D.

Políticas sociais

Os recursos orzamentarios de 2025 recollen o reforzo continúo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para isto se alcanzan os 10.227 millóns de euros, que segundo destacou Rueda “supera por primeira vez os 10.000 millóns”. Así mesmo, un 74% do Orzamento se destinan ao coidado das persoas e supón un incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.

As contas de 2025 contemplan 5.434 millóns de euros para a sanidade pública. Baixo este presuposto, abundarase no Centro de Protonterapia e na mellora do calendario de vacinacións. Ademais, invertirase en novos cribados para mellorar a prevención de enfermidades, na execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias e en 1.400 prazas das que máis de 100 son para formación de novos MIR.

Ademais, a partida para as diferentes políticas educativas acada os 2.972 millóns de euros que van financiar o primeiro curso coas matrículas universitarias gratuítas. Isto posiciona a Galicia como a primeira comunidade autónoma en garantir a educación de balde desde os 0 anos ata o remate dos estudos superiores. Tamén se seguirá traballando na diminución das ratios de alumnado por aula, co incremento do número de profesores e na creación do novo CESGA. Todo isto para situar a comunidade galega na vangarda da computación, ademais de continuar incrementando o investimento en I+D+i.

No que se refire ás políticas sociais, cos 1.415 millóns de euros das contas de 2025, reforzarase a asistencia a maiores en centros e residencias. Tamén facilitarase a súa atención domiciliara, ademais de impulsar a escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.

O emprego contará con 446 millóns de euros que se destinarán á aplicación das novas tecnoloxías para conectar a oferta e a demanda, así como para facilitar a transición entre a formación e a incorporación ao mercado laboral. Tamén se reforzará unha Formación Profesional pola súa orientación ás necesidades do mundo do traballo.

Un pulo á vivenda

Os Presupostos de 2025 responden á grande aposta do Goberno galego pola vivenda, cun orzamento de 221 millóns de euros. Así, á compra de solo residencial e á construción de vivendas públicas dedicaranse 126 millóns de euros, que triplica a cifra dos presentes orzamentos.

O obxectivo é cumprir o compromiso de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles e facilitar o acceso á vivenda da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables. Un dos colectivos prioritarios é o dos mozos, que terán reservado ata o 25% das vivendas á venda e o 40% das de aluguer. Tamén se contempla un Plan de choque para axilizar tramitacións e facilitar a incorporación ao mercado de novas vivendas.

Apoio ás entidades locais

O Goberno galego vai destinar máis recursos ás entidades locais nestes Orzamentos para 2025. Por iso se aumenta a partida destinada aos concellos ata os 641 millóns de euros, 30 millóns máis que este ano, o maior esforzo da historia da autonomía cos concellos.

Este incremento repártese entre o Fondo de Cooperación Local, que vai recibir 168 millóns de euros, 10 millóns máis. Este incremento supón unha suba do 6,3%, por riba do aumento medio do Orzamento. Tamén se recollen as demandas da Fegamp para incrementar o fondo base, con 5,4 millóns de euros de aumento. Esta suba destinarase aos concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen maiores dificultades.
Por outra banda, destinaranse 445,8 millóns de euros máis a transferencias para atender as diferentes necesidades da cidadanía.

En definitiva, son unhas contas con máis recursos ca nunca, que consolidan o crecemento económico postpandemia e impulsan a vivenda, reforzan. Tamén modernizan os servizos públicos, favorecen o emprego e apoian a mellora da competitividade das empresas galegas. Os Orzamentos 2025 permitirán, ademais, facer un balance do estado de cumprimen todo Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS