domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoBandullo Azul presenta “Filipa cos contos” na Biblioteca Municipal de Tui

Bandullo Azul presenta “Filipa cos contos” na Biblioteca Municipal de Tui

Este contacontos forma parte da programación de “Outubro: mes da biblioteca”, que achega diversas actividades de animación á lectura ao longo deste mes

A Biblioteca municipal tudense acollerá hoxe, xoves 17 de setembro, ás 17.30 horas unha nova sesión de contacontos a cargo de Bandullo Azul co seu espectáculo “Filipa cos contos”. Esta actividade forma parte do programa de “Outubro: mes da biblioteca” que achega diversas actividades de animación á lectura ao longo deste mes.

Trátase dunha sesión “filipante” de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e humor repártense entre os dous contadores que se suben a escena, o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa. Esta amiga é un monicreque que manexa o propio actor, quen lle dará un valor engadido ás historias de carácter tradicional: a súa experiencia. Contos “filipantes”, contos cantados e acompañados dunha guitarra. Fran Campos e Filipa, os dous, e cada un ó seu xeito farán posible unha sesión para todos os públicos. Os participantes poderán desfrutar, aprender e reflexionar dende as súas distintas visións dos contos populares.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, con esta oferta de actividades de “Outubro, mes da biblioteca” preténdese promover o coñecemento deste servizo municipal. Así mesmo, que a xente identifique a Biblioteca Pública como unha ferramenta que garante o acceso á cultura e a información de forma libre e gratuíta para todos os cidadáns. Ao mesmo tempo, realízase esta aproximación dun xeito lúdico e divertido coa programación de contacontos deste mes de outubro.

A próxima sesión deste programa será o xoves 24 de outubro, coincidindo coa celebración do “Día da Biblioteca”. Nesta ocasión será o espectáculo “Burromaquia” con Fantoches Baj. Estas actividades contan forman parte do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS