Rondallas, a nova película do director Daniel Sánchez Arévalo, entra na fase final da filmación que se está a desenvolver desde finais de agosto en diferentes localizacións pontevedresas, coa Guarda como epicentro. Ata alí desprazouse o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen asistiu á gravación de varias das secuencias deste filme, subvencionado pola Xunta con 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes a Galicia.
O titular de Cultura do Goberno galego, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, saudou e felicitou persoalmente o director de Rondallas e o seu produtor, Ramón Campos, polo avance dos traballos de filmación e por se rodear dun equipo técnico e artístico maioritariamente galego, deixando así constancia da “gran capacidade e calidade da nosa industria audiovisual”.
Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas encabezan o reparto 100% galego da que é a sexta película de Sánchez Arévalo, quen asina tamén o guión. Nel figuran, así mesmo, outras coñecidas caras do cine e a televisión, como Carlos Blanco, Xosé A. Touriñan, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.
Comedia vitalista
Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, esta longametraxe supón o regreso ao cinema do director e escritor Daniel Sánchez Arévalo tras os éxitos dos seus filmes Azul oscuro casi negro, Primos e Diecisiete, entre outros. Faino cunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se une para recuperar a súa rondalla, tras dous anos de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo comezar a mirar de novo cara a adiante con ilusión.
Ademais da Guarda, os concellos de Baiona, Oia, Tui e Vigo acolleron outras das localizacións de Rondallas, que conta tamén coa participación do Institudo de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Movistar Plus+, RTVE e TVG. O filme será distribuído en España por Beta Fiction Spain e as vendas internacionais correrán a cargo de Studiocanal.