A CIG de Ourense vén de remitirlle un escrito á Subdelegación do Goberno español solicitando a retirada do escudo da Organización Sindical Española (OSE). Esta iconografía do sindicato vertical do franquismo atópase no edificio do Parque de San Lázaro que acolle a sede da propia CIG.
Neste inmoble teñen tamén a súa sede os sindicatos CCOO, UGT e USO, así como a Inspección de Traballo e Seguridade Social e o Fondo de Garantía Salarial. Así mesmo, corresponde co Centro Comercial Aberto Ourense Centro. Dende a central sindical sinalan que na fachada principal da estrutura hai un escudo en pedra da antiga OSE, «unha organización fascista creada a raíz da promulgación, en 1938, do denominado Fuero del Trabajo, mentres que as organizacións sindicais democráticas e os seus representantes padecían represión”.
A CIG-Ourense entende que a existencia deste escudo vulnera o establecido na Lei 57/2007, de Memoria Histórica, que ordena ás autoridades públicas tomar as medidas necesarias para a retirada de simboloxía franquista en edificios públicos.
A maiores, a Orde CUL/3190/2008, do 6 de novembro, dita instrucións para a retirada de símbolos franquistas nos bens da Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos dependentes. En consecuencia, a central sindical reclama que «se dean os pasos necesarios para proceder á retirada do escudo da OSE do Edificio da Casa Sindical de Ourense, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e por xustiza”.