jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas recibe leccións de RCP básica polo Día Internacional da Parada Cardíaca

Ponteareas recibe leccións de RCP básica polo Día Internacional da Parada Cardíaca

A xornada buscaba sensibilizar á poboación sobre a importancia do inicio inmediato das manobras de resucitación ante unha posible situación de parada cardíaca e contou coa asistencia de preto de 300 persoas petenecentes a sete centros educativos do municipio

A xornada “As túas mans salvan vidas” celebrada con motivo do Día Internacional da Parada Cardíaca contou cunha gran acollida. O Concello de Ponteareas organizou a acción en colaboración con TesGalicia e coa contribución da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo (Centro de Saúde de Ponteareas), Cruz Vermella, Protección Civil, 061, Policía Local e Bombeiros de Ponteareas. Por esta actividade pasaron ao longo da mañá preto de 300 alumnos ponteareanos do CEIP Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell, Santiago de Oliveira, Feliciano Barrera de Guláns, As Veigas, Santiago Apóstol e La Inmaculada.

Pola tarde a xornada abriuse ao público xeral e a veciñanza de Ponteareas achegouse para recibir a formación para realizar correctamente unha RCP. Tamén houbo leccións da conduta PAS, como atender un atragoamento ou como usar un desfibrilador. Así mesmo, ensinaron a poñer en posición lateral de seguridade a unha persoa inconsciente que respira. Estas manobras, todas elas, son fundamentais para poder salvar vidas.

Sensibilizar sobre a importancia das manobras de resucitación

O Concello, da man de TesGalicia, organizou esta xornada co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación sobre a importancia do inicio inmediato das manobras de resucitación ante unha posible situación de parada cardíaca.

Cruz Vermella, bombeiros, policías, protección civil e o 061 despregaron gran parte dos seus medios ocupando varias seccións da Nave Aceros do Tea. O obxectivo era ensinarlle a todos o funcionamento de cada unha destas entidades e cales son as ferramentas e medios cos que traballan.

Nesta actividade transversal na que colaboraron as concellerías de Saúde, Ensino e Seguridade, a cidadanía en xeral adquiriu habilidades e coñecementos que axudan a salvar vidas pero tamén a crear comunidades máis seguras e saudables. “Trátase de adestrar á poboación na cadea de supervivencia, para axilizar intervencións e poder iniciar manobras de reanimación nos primeiros minutos tras unha parada presenciada”, explicou Raquel Plana, concelleira de Saúde.

Pola súa banda, o conselleiro de Ensino, Ricardo González, adiantou que con estas iniciativas a comunidade educativa desenvolve recursos interpersonais como a confianza. Tamén manter a calma en emerxencias ou actuar con amabilidade para axudar e aportar seguridade.

Juan Carlos agradece a colaboración e presenza do xefe do Servizo de Emerxencias, dos Bombeiros de Ponteareas, Policía Local e Protección Civil. Estivo presente tamén o subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía da área sanitaria de Vigo, Francisco Jesús Represas Carrera. Ademais, participou a concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS