jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasAs vivencias e a emotividade foron protagonistas no faladoiro de Ponteareas polo...

As vivencias e a emotividade foron protagonistas no faladoiro de Ponteareas polo Día da Muller Rural

Lorena Durán, propietaria da Casa Rural A Cantaruxa Maruxa, e Remedios Rivero, xerente e chef de Casa Rivero, falaron das súas experiencias como mulleres emprendedoras no rural

O Concello de Ponteareas organizou un faladoiro-café para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais. Nesta actividade dúas mulleres emprendedoras no rural, Lorena Durán e Remedios Rivero, falaron ante todas as convidadas das súas experiencias vitais e profesionais. Desta forma, a propietaria da Casa Rural A Cantaruxa Maruxa e a xerente e chef de Casa Rivero protagonizaron a xornada.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Saúde, Raquel Plana, foi a encargada de dar a benvida a todas as asistentes. Así mesmo, destacou que “hoxe celebramos o Día Internacional das Mulleres Rurais e podemos presumir de que o noso Concello está cheo de mulleres rurais incribles. Quixemos celebrar este día de forma especial e que forades as mulleres rurais as que viñerades ao Concello para ser as protagonistas”.

A continuación, deu paso ás relatoras do faladoiro, Lorena Durán, propietaria da Casa Rural A Cantaruxa Maruxa, e Remedios Rivero, xerente e chef de Casa Rivero. Estas emprendedoras responderon diferentes cuestións realizadas pola concelleira. As súas traxectorias, como chegaron ata onde están, como foi emprender no rural e como contribúen os seus negocios na comunidade rural. Ademais, houbo preguntas sobre os retos que se enfrontaron e se enfrontan como mulleres emprendedoras no entorno rural e os consellos que lle darían a outras mulleres que queren iniciar un negocio neste ámbito.

Faladoiro participativo

O protagonismo non foi só para as relatoras, Lorena e Remedios, se non que foi un faladoiro participativo, unha reunión de compañeiras compartindo experiencias. Todas foron protagonistas. O encontro estivo cargado de anécdotas de cada unha das asistentes sobre moitas e moi diferentes temáticas. Por exemplo, falaron de experiencias, traballo, conciliación, emigración, os oficios que lles gustaría ter aprendido e non foi posible no seu momento, ou poder formarse sendo maiores. Tamén trataron aspectos como a convivencia con enfermidades propias ou de familiares, a xestión de ter que irse fóra e a felicidade de poder regresar a Ponteareas, entre outros. As emocións estiveron a flor de pel e deixáronse moi claro que valoran por riba de todo que unhas fosen (e sigan sendo) exemplo doutras para poder afrontar diferentes situacións e chegar a onde están agora.

A alcaldesa Nava Castro destacou que “foi un pracer compartir este espazo con todas vós e escoitar as valiosas e interesantísimas testemuñas das nosas relatoras, Lorena e Remedios. Pero tamén as vosas, as de todas as mulleres que nos acompañades hoxe e que acabades de compartir e confesar tamén as vosas vivencias. Hoxe, no Día Internacional das Mulleres Rurais, temos a oportunidade de reflexionar sobre o papel fundamental que desempeñades as mulleres no rural, nas nosas parroquias. Sodes o corazón e a alma dos nosos pobos, contribuíndo non só á economía local, se non tamén á preservación das nosas tradicións”.

“Despois de escoitarvos a todas, quédanos claro que as mulleres no rural enfróntanse a desafíos únicos e a súa resilencia e determinación son admirables. Bo exemplo sodes vós. Hoxe escoitamos as experiencias de vida de Lorena e Remedios e as de todas vós, moi diferentes entre elas, pero dentro dun mesmo contexto. Sigamos traballando xuntas para dar visibilidade ás nosas mulleres rurais e construír unha sociedade mellor”, finalizou.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS