Xa comeza a ulir a Nadal en Vigo e é que o Concello xa iniciou a montaxe da gran árbore na Porta do Sol. O alcalde da cidade olívica, o socialista Abel Caballero, visitou os traballos de instalación do elemento decorativo central “que este ano medirá máis que o ano anterior”. Amais, avanzou que o espectáculo de luz e son mudará “con algúns cambios significativos”.
O alcalde anunciou que a Porta do Sol terá un novo sistema de iluminación. O Concello instalará árbores ao redor da praza en substitución dos elementos colgantes “co que mellorará moito a visibilidade”. Así, explicou que serán 8 árbores decorativas con luz propia duns 8 metros de altura. A base das árbores formará unha bancada para que residentes e turistas poidan sentarse a gozar do espectáculo de luz e son.
O Nadal esténdese no centro á rúa Elduayen, que contará con 5 novos grandes elementos decorativos de Nadal. A rúa Marqués de Valladares tamén contará con nova iluminación ecogreenlux, que reduce a contaminación luminosa nun 93% e aforra un 60% de enerxía máis.
Neste contexto, o rexedor asevera que “estamos a perfilar o mellor Nadal que fixemos en Vigo” e adianta que nas próximas datas, a cidade terá iluminadas 420 rúas con 11,5 millóns de luces led. Do mesmo xeito, instalaranse 1.300 arcos ornamentais, iluminaranse 2.500 árbores, haberá elementos luminosos en prazas, mercados e edificios municipais e haberá 15 elementos luminosos en 3D duns 3 metros de altura.