jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasAs demandas de mellora de seguridade e mobilidade do centro de Crecente...

As demandas de mellora de seguridade e mobilidade do centro de Crecente inclúense no proxecto da estrada provincial EP-5005

A Deputación de Pontevedra incorporará as demandas do Concello de Crecente no proxecto de mellora da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso polo núcleo urbano desta vila. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo. Nesta reunión analizaron as necesidades do goberno local en canto a un tramo de case 1.300 metros do treito antigo da estrada, no que está previsto que actúe a Deputación de Pontevedra.

Nestes momentos o treito antigo da EP-5005 A Cañiza-Pousa presenta numerosas carencias en canto a seguridade e mobilidade. Tal e como asegurou a deputada provincial Isabel Couselo, “o proxecto que vai redactar a Deputación pretende corrixir esas deficiencias. Ademais busca deixar a estrada á altura das demandas do século XXI. A finalidade é que Crecente poida ter unha vía accesible, renovada e con todas as garantías de seguridade e mobilidade”.

Ademais, Couselo recordou que o proxecto de modernización da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-Pousa ao seu paso por Crecente é unha das grandes prioridades do goberno local. Por estes motivos a xuntanza con García-Luengo serviu para detectar as demandas de mellora do concello. E, desta forma, redactar un proxecto de actuación na estrada provincial que dea respostas ás necesidades da vila.

Senda peonil

Na xuntanza, a deputada avanzou que está xa en fase de contratación a senda peonil de máis de 550 metros que se vai executar nesta mesma estrada provincial. Esta acción contará cun investimento de 245.000 euros en colaboración co Concello de Crecente. Trátase dun proxecto de mellora da mobilidade peonil anunciado polo presidente da Deputación Luis López a finais de setembro. A inicitiva ten xa os trámites administrativos en marcha para que o máis pronto posible poida realizarse.

Esta actuación estará entre os puntos quilométricos 11+980 e 12+550, que unen as localidades de Ponte Ribadil e Crecente. Ademais da construción da senda peonil, de 2,5 metros de ancho pola marxe esquerda da vía, o proxecto contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados e a mellora da sinalización horizontal e vertical ao longo de todo o treito.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS