martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasA Xunta investirá máis de 450.000 euros na mellora de camiños rurais...

A Xunta investirá máis de 450.000 euros na mellora de camiños rurais da comarca do Condado-Paradanta

O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2023-2024 e anunciou as actuacións que serán posibles grazas á convocatoria deste ano

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora dos accesos no concello de Mondariz. Estas accións realizáronse en Fraga de Barcia, Pé do Muíño (Riofrío) e no Vial á Chaleira-Arnela (Frades). As obras foron posibles grazas ao Plan Marco 2023-2024 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de máis de 55.000 euros. O Plan permitiu mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar as obras que se levarán a cabo neste concello grazas ao Plan Marco 2024-2025. Cun orzamento semellante ao do ano pasado, esta iniciativa permitirá mellorar a pavimentación do vial municipal que vai de Costa (Riofrío) a Frades.

Plan Marco 2024-2025

O Plan Marco 2024-2025 deixará na comarca do Condado-Paradanta máis de 450.000 euros en investimentos. Esta inversión permitirá, ademais das obras citadas, mellorar camiños municipais en Bueixos e As Grades (Achas), no concello da Cañiza. Así mesmo, ampliará o vial de Arbo a Vilar as Laxas no concello de Arbo e pavimentará o camiño de
Abelleira nas Neves.

Ademais, mellorará un camiño en Paradela no concello de Crecente e mellorará a pavimentación nos barrio de San Pedro, en Mondariz-Balneario. Tamén permitirá pavimentar camiños en Fofe, Covelo e Maceira no concello de Covelo e pavimentar e mellorar un camiño en Xinzo, no concello de Ponteareas.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “seguir colaborando con todos os municipios para levar a cabo actuacións de carácter local que melloren o día a día dos galegos e galegas”. O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS