A Biblioteca Pública Municipal tudense, na súa programación deste mes de outubro, celebra o “Día das escritoras” este mércores 16 de outubro ás 19.30 horas. Será cun acto en torno á figura da poeta tudense Emilia Rosende que contará coa presenza da propia autora. Este Día é unha iniciativa que este ano celebra a súa novena edición e impulsada pola Biblioteca Nacional de España (BNE). Tamén inciaron estacelebración a Federación Española de Mujeres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura).
O seu obxectivo é visibilizar a obra literaria das mulleres, tantas veces oculta e descoñecida. Así mesmo, o lema deste ano é “A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural”. Con esta celebración, preténdese reivindicar o legado literario de mulleres que escribiron ao longo da historia. Ademais, resaltar estas figuras que tantas veces foron silenciadas e esquecidas, especialmente neste ano nos ámbitos afastado dos centros de poder.
Emilia Rosende
A temática deste ano encaixa perfectamente, en palabras da concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade tudense, Sonsoles Vicente Solla, coa personalidade, traxectoria e dedicación literaria de Emilia Rosende. A poeta foi criada no ámbito rural tudense e cun carácter autodidacta, dende 1991 ten publicado seis libros de poemas e tres de contos infantís, así como outra publicación dedicada ao seu barrio de Riomuíños.
Esta dedicación literaria tamén se expresou no seu papel de animadora da “Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño” que promoveu o “Festival da Poesía do Baixo Miño” que percorreu diversos lugares unindo paisaxes e versos. Ademais, foi a promotora de “Poesía na escola” unha fermosa iniciativa que promovía a creación poética entre os alumnos dos centros escolares do Baixo Miño e que rematou no ano 2018. Emilia Rosende tamén destacou por ser unha animadora do movemento asociativo. Resaltou tanto na “Asociación de Usuarios e Amas de Casa” tudense como na asociación veciñal de Riomuíños e impulsora da festa das lavandeira neste barrio tudense.
Resulta por tanto máis que xustificado este pequeno acto de recoñecemento á traxectoria de Emilia Rosende que promove a Biblioteca Municipal para celebrar na nosa cidade o “Día das escritoras”. No pasado ano rescatou a figura de María Gloria Pereira “María Tydeska”.