viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsActualidadeSanidade pide "axilidade" ao Goberno para iniciar a formación de médicos especialistas...

Sanidade pide «axilidade» ao Goberno para iniciar a formación de médicos especialistas en urxencias

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insistiu este venres na necesidade de que o Ministerio de Sanidade axilice e inicie o antes posible a formación de médicos especialistas en urxencias e emerxencias.

Nunha rolda de prensa previa á xuntanza do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, Antonio Gómez Caamaño trasladou a solicitude reiterada da Xunta ao Ministerio para comezar a formar médicos nesta especialidade canto antes, o vindeiro ano, «para que poidan estar dispoñibles para seren contratados antes de 2030». Na rolda de prensa o conselleiro estivo acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.

En canto á homologación do novo título sobre a base dos criterios de acceso do Real Decreto do Goberno central, «Galicia estableceu un procedemento áxil para acreditar a experiencia profesional nos servizos de urxencias tanto públicos como privados», segundo apuntan. Igualmente, a Consellería de Sanidade facilita o certificado de servizos prestados en Punto de Atención Continuada a aqueles profesionais que o soliciten.

Avances na protonterapia

Na reunión, tamén se abordou a implantación da protonterapia no Sistema Nacional de Saúde. Nesta materia, as obras de execución do Centro de Protonterapia de Galicia, emprazado xunto ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, están moi avanzadas.

Grazas ao seu avance, «Galicia poderá ser a primeira comunidade en empregar, na sanidade pública, esta técnica con protóns que aplica radiación directa a tumores con menor afección a tecidos e órganos sans que outros tratamentos».

A previsión do Goberno galego é atender os primeiros pacientes en 2026, sendo o centro de referencia para toda Galicia e tamén para pacientes de Asturias e Castela e León.

Prevención do consumo de alcohol

No referente ao anteproxecto de Lei de prevención do consumo de alcohol e dos seus efectos en menores, promovida polo Goberno central, Galicia presentou alegacións que solicitan, entre outras cousas, que se estableza o financiamento necesario para as obrigas que a lei contén para as administracións autonómicas.

En todo caso, a Xunta tramita a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas para que entre en vigor o próximo ano e que «é máis ambiciosa que a norma estatal», segundo apuntan desde a administración autonómica.

Esta nova norma reforzará as medidas de control do botellón, avanzará na limitación da publicidade do alcohol preto de centros educativos e abordará novas formas de consumo de risco como a combinación con bebidas enerxéticas, produto que en Galicia estará prohibido ser consumido por menores.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS