O Concello do Porriño continúa co fortalecemento das infraestruturas no rural para a mellora da calidade de vida da súa veciñanza. Nesta ocasión, iniciouse o repavimentado dun camiño no barrio de Carracido de aproximadamente 600 metros de lonxitude que, ata o de agora, presentaba un evidente estado de deterioro.
Este camiño, utilizado diariamente por moitos usuarios e residentes da zona, xeraba prexuízos, tanto en termos de mobilidade como de seguridade viaria. O mal estado da vía representaba un risco significativo, afectando non só aos condutores, senón tamén a peóns e ciclistas.Os traballos de reposición integral do firme inclúen a limpeza e desbroce das marxes, realce das tapas de rexistro, destaconado de raíces e sinalización viaria.
A actuación forma parte dun plan integral do Goberno Municipal para mellorar as infraestruturas viarias de todo o termo municipal. Teñen prioridade as áreas rurais que, historicamente, foron menos atendidas. Con estas obras, o búscase garantir un acceso seguro e cómodo para todos os veciños, fomentando así a cohesión social e o desenvolvemento das parroquias.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo declarou: “O noso compromiso é claro. Apostamos pola mellora de todas as nosas infraestruturas, especialmente nas zonas rurais. Nestas áreas os habitantes merecen as mesmas condicións de seguridade e benestar que no núcleo urbano. Este asfaltado é un paso máis cara a unha O Porriño máis accesible e seguro para todos”.
As obras levaranse a cabo de maneira rápida e efectiva, minimizando as molestias para os usuarios do camiño e asegurando que os traballos se realicen coa maior calidade e durabilidade posibles.