A Comunidade de Montes de Pereiras recibe unha axuda de 14.000 euros para a cuarta intervención no «Castro de Pereiras». Esta dotación económica foi concedida polo servizo de Arqueoloxía e Patrimonio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. As tarefas arqueolóxicas, que comezarán o próximo luns, día 14 de outubro, estarán a cargo de «Castelos no Aire». Mario Pereiro dirixirá esta intervención, que consistirá na excavación de sesenta metros cadrados no devandito castro.
Estarán localizadas no segundo e terceiro socalco da parcela recentemente adquirida pola Comunidade de Montes de Pereiras, a cal xa posúe o 97% do «Castro de Pereiras». Este ano compraron varias parcelas a veciños que tiñan as súas propiedades no ámbito de máxima afección patrimonial do «Castro de Pereiras».
Como xa se fixo nas tres primeiras intervencións, as excavacións estarán abertas ás visitas de todas as persoas que estean interesadas en facelo, e o arqueólogo resposable estrá a disposición do público para resolver calquera dúbida. Esta nova intervención no castro chega un ano despois de que quedara rematada a terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras, que se finalizou en decembro de 2024.
Fase anterior
A terceira fase do proceso de consolidación arqueolóxica do devandito xacemento tivo un orzamento que ascendeu a 17.950,00 euros (IVE incluído). Así mesmo, a terceira e as dúas fases anteriores, tamén foron financiadas pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Na terceira fase realizáronse traballos de escavación arqueolóxica e consolidación do Castro de Pereiras. En concreto, os traballos realizados foron os seguintes: Redacción dun proxecto arqueolóxico para a súa autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma. Realización de dous sondaxes arqueolóxicas. Por unha banda, un sondaxe duns 40 m2 sita no ángulo sueste do castro, en concreto, a carón do sector escavado en campañas anteriores. Este foi co fin de documentar a totalidade da cabana rectangular localizada de maneira parcial no ano 2022. Esta actuación permitiría ampliar á area escavada a aproximadamente uns 150 m2, tendo a vista de maneira completa as dúas cabanas castrexas. Por outra banda, realizaron unha sondaxe duns 10 m2 na zona norte do xacemento, onde se sitúa un afloramento con marcas de extracción, co fin de comprobar a existencia de estruturas.
Ademais, dentro dos traballos realizados tamén se fixo unha diagnose, consolidación e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que se localicen nesta campaña. Isto garantiza en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica. Incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos e da área de actuación. Accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas…) e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local. E elaboración dunha memoria técnica na que se recollen os traballos realizados e os seus resultados. O prazo de execución foi de 4 meses (incluída a entrega da memoria técnica).