O Bloque Nacionalista Galego de Vigo exixe a retirada duns carteis publicitarios que califica a conquista de América como de «santa e heróica». Os nacionalistas indican que «diante da aparición dunha campaña ultraespañolista reivindicando a conquista de América en soportes publicitarios públicos na cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de dirixirse ao Goberno municipal esixindo que actúe para a súa retirada».
No concreto, trátase de cartelaría co lema “1492, ni genocidas, ni esclavistas. Fueron heroes y santos” promovida pola Asociación Católica de Propagandistas (ACdP) para “celebrar” o denominado Día da Hispanidade, instalada en marquesiñas de paradas de bus, en rúas como a avenida García Barbón.
Para o voceiro municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esta campaña “promove abertamente o odio e alenta un discurso antihistórico que nega o xenocidio, a dominación e a escravitude que provocou a conquista colonial de América promovida desde o século XV”.
Desde o BNG da cidade olívica, inciden en que «presentar como heroes e santos os responsábeis dun réxime de dominación violenta ao servizo da monarquía española que provocou, segundo diversas estimacións históricas, a morte de 9 de cada 10 indíxenas e millóns de persoas escravizadas atenta contra a defensa dos máis elementais dereitos humanos”, explicou.
Igrexas urxiu o Goberno municipal de Abel Caballero a actuar para impedir que en soportes publicitarios que fan parte do mobiliario público municipal se faga “apoloxía do xenocidio”.
No concreto, demanda que se dean instrucións inmediatas para a retirada desta campaña promovida pola ACdP, entidade editora do xornal dixital El Debate.