A compañía ButacaZero presenta este venres, 11 de outubro, ás 21.00 horas «Iribarne», dirixida por Xavier Castiñeira e da autoría de Eshter F. Carrodeguas. A peza, que se levará a cabo no Teatro Municipal de Tui, é unha irreverente investigación escénica. Mergúllase na vida dun personaxe singular que percorre momentos clave da historia de España, desde a Monarquía de Alfonso XIII ata a ditadura franquista.
Sobre o escenario estarán Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge De Arcos, e Esther F. Carrodeguas. «Iribarne» retrata a vida dun home que emigra a Cuba, regresa a Galicia e marcha a Madrid, onde mesmo ocupa un ministerio. A obra, aínda que evoca a figura de Manuel Fraga, non é un biopic sobre el.
Esta montaxe, producida en colaboración co Centro Dramático Nacional, forma parte da aposta de ButacaZero por un teatro que dialoga coa actualidade a través dunha mirada crítica e irónica. A compañía aborda en Iribarne temas como a política, a historia recente de España, e as grandes ambicións dun home fronte a un réxime autoritario. A obra, que combina crítica social, humor e reflexión política, ten unha duración de tres horas, cun descanso de 15 minutos. As entradas están a venda en tui.gal aos prezos de 10 e 7,5 euros.
Compañía ButacaZero
A compañía galega ButacaZero, liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, consolidouse como un referente do teatro galego contemporáneo. Desde a súa popularización no ano 2016 coa estrea de Voaxa e Carmín na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, ButacaZero non deixou de innovar e de explorar novos camiños no ámbito escénico.
Nos seus proxectos, a compañía abordou temas como o esquecemento con «na butaca» [fantasía nº3 en Dor Maior], a identidade galega con «#camiños» (en coprodución co CDG) e a vida de María Casares con «Despois das ondas». Así mesmo, tratou a vida confinada con «32m2», a violencia machista coa «ópera Papagena», e a gordofobia con «O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada,» estreada en 2023 no Teatro del Barrio.
As súas producións percorren os principais teatros e festivais de Galicia, como a Mostra Internacional de Teatro (MIT), o Festival Internacional de Teatro deOurense (FITO), a Mostra de CEE e o Festival Internacional de Cangas, entre outros. As súas montaxes foron tamén candidatas numerosas veces aos Premios María Casares de Teatro, onde conseguiron varios galardóns, e aos Premios Max, destacando nas categorías de mellor espectáculo musical ou lírico e mellor labor de produción.
En 2023, ButacaZero deu un salto importante coa súa aposta por un novo modelo de xestión creativa expandida e transmedia. Fruto deste cambio nace a súa nova produción “Iribarne”, en coprodución co Centro Dramático Nacional. A obra marca o inicio dunha nova etapa con maior risco tanto empresarial como artístico e político, consolidándose como unha plataforma en constante evolución e crecemento.