Desde o día de onte e ata as 11 horas desta mañá, o número de incidencias relacionadas co episodio de vento e choiva intensa ascende a 565.
Ademais, dentro do Plan de seguimento e control dos caudais dos ríos (Plan Inungal), o 112 Galicia presta especial atención a un total de once ríos por presentar niveis elevados e aumentar as posibilidades de desbordamento.
Estes ríos son: na provincia da Coruña, Tambre, Mandeo, Mendo e Dubra; en Pontevedra, Verdugo, Lérez e Tea; e en Lugo, Landro, Ladra, Masma e Ouro.
Debido a esta situación, Emerxencias de Galicia recomenda reducir o paso e a presenza tanto de persoas como de vehículos ao lado destes cursos, así como abandonar calquera actividade fluvial que poida comprometer a seguridade.
Igualmente, sinalan que é importante seguir atentos ás estradas, xa que, a pesar de que as condicións climáticas irán mellorando nas próximas horas, poden seguir producíndose caídas de árbores, desprendementos de terra, pedras e elementos de tellados, edificios e estruturas. Neste sentido, convén destacar o aumento das incidencias contabilizadas no 112 Galicia en relación coa borrasca Kirk, que xa ascende a 565.
Como xa foi ata este momento, os maiores problemas céntranse nas vías de circulación debido á cantidade de árbores, ramas e outros obxectos que caen sobre as estradas. En total, contáronse 355 incidencias por árbores e ramas, 44 por obxectos que se desprazaron ás vías, 34 pola caída de cables e postes de luz e teléfono, 44 accións preventivas dos equipos de emerxencias para evitar máis riscos, como retirada de vexetación e obxectos inestables, 12 por desprendementos de terra e pedras, 13 por caída de carteis e sinais de tráfico e 12 por desprendementos de tellados e fachadas, entre outras.
Das incidencias xestionadas polo 112 Galicia, destaca o derrubamento da parede dun pavillón deportivo dun centro educativo de Porto do Son, o desprendemento do falso teito da entrada doutro colexio en Monforte e a caída dunha árbore que impediu o acceso a outro centro de Redondela. Por sorte, ningunha destas incidencias ocasionou danos persoais.
Ademais, produciuse a caída da cuberta do conservatorio de música de Santiago de Compostela e o desprendemento de partes dun edificio na Rúa Preguntoiro, tamén na mesma cidade.
Cubertas e árbores nas estradas
Algo semellante ocorreu en Vilagarcía de Arousa ou en Vigo, onde houbo desprendementos de elementos de cubertas e revestimentos.
Tamén en Cerdedo-Cotobade e en Mos, sendas persoas que circulaban co seu vehículo foron sorprendidas por varias árbores que caeron sobre elas. Tampouco nestes casos houbo danos persoais.
Do mesmo modo, o 112 Galicia rexistrou chamadas de persoas que informaban da caída de árbores ou restos de edificios sobre vehículos parados ou sobre a vía do tren. Ocorreu en Santiago de Compostela (Rúa Ordes), Padrón (Iria Flavia), O Barco de Valdeorras, Redondela e Tui.
En Lousame, concretamente na C.G 1.5 (San Xusto), un desprendemento de terra e pedras invadiu os tres carrís en sentido Noia. En Silleda, unha árbore caeu sobre o tellado do Albergue de Dornelas e, en Padrón, a subida e desbordamento do río impediu a saída aos hóspedes dunha casa de turismo rural.
En definitiva, 565 incidencias que se repartiron da seguinte maneira:
Por provincias, en Pontevedra se contabiliza 304 incidencias, en A Coruña, 162, en Ourense, 50 e en Lugo, 42.
Por concellos, dentro da provincia de Pontevedra, os municipios máis perxudicados foron Vigo (53), A Estrada (23), Pontevedra (23), Nigrán (18), Ponteareas (13), Marín (12), Mos (12), Vilagarcía (12), O Porriño (11).
En A Coruña, Santiago de Compostela (20), Padrón (11), Teo (7), Rois (6), Boiro (4), Ribeira (4), Rianxo (4). En Ourense, Celanova (6), O Bolo (4). En Lugo, cidade de Lugo (4), Guitiriz (4).