O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá unha edición máis o Ciclo de teatro «Tea Trea». Nesta ocasión participarán en total seis compañías de teatro durante os meses de outubro e novembro. O grupo Tro Tea Tro será quen inaugure o ciclo este domingo, 13 de outubro, ás 18.00 horas coa obra “Mambrú volveu da guerra”.
A próxima fin de semana haberá dobre cita. O sábado, 19 de outubro, ás 20.00 horas, o grupo Pena do Equilibrio, representará a obra “Día Dixital”. Por outra banda, ao día seguinte, domingo día 20, ás 18.00 horas o grupo Os Serodios interpretarán “Sete mulleres para un home”.
En novembro chegará o grupo Ponte Caneiro coa interpretación de “As cousas do pobo”, o primeiro domingo do mes ás 18.00 horas. O seguinte sábado, 9 de novembro, ás 20.00 horas Todos Xuntos representará “Pechamos portas” e os encargados de clausurar este ciclo serán os integrantes de Pedra do Cabalo, coa súa obra “Avós de gardería”, o domingo 17 de novembro, ás 18:00 horas.
«Teatro da memoria»
Ademais, dentro deste ciclo estará enmarcada a actividade “O teatro da memoria”, un obradoiro para maiores de 16 anos. Este terá lugar o sábado 19 e 26 de outubro, de 11.00 a 13.00 horas, no auditorio municipal. As prazas para este obradoiro son limitadas e os interesados poden inscribirse enviando un correo a departamentocultura@ponteareas.gal.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou que “estamos desexando ver as novas obras que teñen preparadas os seis grupos participantes. O ciclo «Tea Trea» é moi especial e fan un gran traballo. Non sei con que nos sorprenderán este ano, pero estou seguro de que transmitirán a súa emoción e ilusión a todos os asistentes. Por iso animo a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a que se acheguen ao auditorio durante os dous meses para valorar o seu traballo e dedicación e porque sei que o pasarán moi ben”.