viernes, octubre 18, 2024
InicioO PaísA CoruñaA Xunta aproba un plan específico para potenciar a Galicia como refuxio...

A Xunta aproba un plan específico para potenciar a Galicia como refuxio climático

A comunidade galega creará unha rede territorial continua entre os espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural para conservar a biodiversidade e garantir o bo estado dos hábitats polos beneficios que achegan á sociedade e á sustentabilidade do planeta

Galicia é a primeira comunidade autónoma en aprobar unha estratexia de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas. Este sistema ten como obxectivo a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático. Ademais, contará coas zonas que contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien as poboacións das contornas.

A infraestrutura verde é unha iniciativa promovida pola Comisión Europea orientada a integrar, fortalecer e propiciar un uso racional dos elementos territoriais. Este uso debe estar acorde cos compromisos adquiridos na Estratexia de biodiversidade e nos distintos regulamentos e directivas que inciden no ambiente. Nesa liña, busca a integración entre as necesidades de conservación de determinadas áreas e o uso sustentable dos recursos naturais. «Todo isto através dun marco básico e adaptativo de planificación sustentado nunha zonificación territorial homoxénea para todo o territorio europeo», segundo apunta desde a Xunta de Galicia.

Deste xeito, o Consello da Xunta tomou razón da aprobación, por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas. A finalidade é crear unha rede territorial continua entre aqueles espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural. Para iso deseñarase unha planificación que permita conservar a biodiversidade e garantir o bo estado dos ecosistemas polos beneficios que achegan á sociedade e á sustentabilidade do planeta. Ademais, reforzarase a posición de Galicia como refuxio climático e como destino turístico verde e sustentable.

Renaturalización das cidades

A estratexia de infraestrutura verde fai especial fincapé nas urbes promovendo iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, contribúan a atenuar o efecto “illa de calor”. Tamén enfócase na implantación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros e balcóns verdes e o deseño de parques e xardíns. Así mesmo, inclúe o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as zonas de periferia para camiños rurais e áreas recreativas, entre outras opcións.

Nesta liña, recuperarase a integridade ecolóxica dos cursos fluviais e das zonas húmidas, englobados nas áreas urbanas e periurbanas e controlaranse e erradicaranse as especies exóticas invasoras. Tamén crearanse microrreservas que sirvan de refuxio á fauna e tomaranse en consideración as necesidades de conexión de hábitats dos polinizadores.

A estratexia representa, polo tanto, un cambio de paradigma na ordenación do territorio, xa que permitirá reducir a fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas clave para o benestar da poboación. Ao abeiro desta iniciativa, ademais do deseño dunha planificación e xestión do territorio que respecte os ecosistemas máis vulnerables, fortalecerase a coordinación entre as distintas administracións públicas para garantir o éxito da implementación desta infraestrutura verde, e darase prioridade á información, formación e participación da cidadanía nesta materia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS