Galicia acaba de comezar o outono cun mes de setembro moi frío e que foi tamén o máis chuvioso no que levamos de século. De feito, as precipitacións rexistradas no conxunto do territorio superaron nun 62% os valores que habitualmente se recollen nesta época do ano.
Segundo o avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a chuvia media acumulada durante o mes pasado foi de 143 litros por metro cadrado, un rexistro que reflicte que as chuvias que se recolleron no conxunto da Comunidade superaron os valores climáticos normais para setembro.
En canto á temperatura media, os valores dos termómetros estiveron, en xeral, moi por debaixo do agardado e a anomalía media para este mes situouse en -1 grao centígrado. De feito, tendo en conta os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, hai que remontarse ao ano 2017 para atopar un setembro máis frío na Comunidade.
O período caracterizouse pola chegada a Galicia de borrascas frías e activas para esta época do ano durante a primeira e última semana do mes, xa que aínda que as semanas intermedias foron algo máis secas e cálidas, non foron suficientes para compensar as anomalías coas que comezou e rematou setembro.
Así mesmo, foi un mes moi húmido en todo o territorio galego e estivo marcado tamén polo río atmosférico que, entre os días 25 e 26 de setembro, cruzou a Comunidade, deixando ao seu paso grandes cantidades de auga.
Cómpre subliñar, en todo caso, as precipitacións acumuladas ao longo das serras litorais (entre os 240 e 320 litros por metro cadrado) con rexistros máximos por riba dos 400 L/m 2 no caso da Serra do Suído; mentres que no extremo contrario, os acumulados menos importantes oscilaron entre os 40 e os 70 L/m 2 en áreas da Mariña lucense central e oriental, nos arredores da ría de Camariñas e na comarca da Coruña.