Esta fin de semana está prevista unha competición destacada, no pavillón municipal Gustavo Rodríguez, que reunirá aos mellores bailaríns de España e Portugal. Máis de 500 persoas participarán no Trofeo Concello de Tui de Baile Deportivo, sendo a cuarta proba do Circuíto Ibérico de Baile Deportivo, que rematará coa quinta en Guadalaxara. Está organizada pola Escola de Baile Pasos Galicia, en colaboración co Concello de Tui e as Federacións Española e Galega de Baile Deportivo.
Este Trofeo Concello de Tui foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que explicou a programación. Tamén participaron o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e o presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, Miguel Abreu.
O Trofeo Concello de Tui de baile deportivo comezará o sábado, 5 de outubro, a partir das 15.00 horas no pavillón municipal Gustavo Rodríguez coas probas de baile estándar e latinos. Nestas modalidades competirán 100 parellas dende a categoría junior a senior. O domingo a competición desenvolverase dende as 11.00 ás 20.00 horas con 250 persoas en grupos, 100 en singles e caribeños. Os dous días haberá probas tanto do Circuíto Ibérico coma puntuables para o ranking nacional.
Miguel Abreu, presidente da Escola de Baile Pasos Galicia e director do trofeo, explicou os detalles da competición que reunirá a 500 persoas. A metade dos participantes chegará dende Portugal e a outra metade de España. Ademais de bailaríns galegos, acudirán deportistas de Cataluña, Valencia, Andalucía e Madrid, entre outras comunidades. Abreu destacaba que se trata “dun competición de nivel alto” que contará con 7 xuíces internacionais de España, Portugal e Francia. A entrada terá un prezo de 8€ cada día.