viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsComarcasMos pon en marcha a Mesa Local do Comercio

Mos pon en marcha a Mesa Local do Comercio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Emprego e Participación Cidadá, Julia Loureiro, informaron da creación da Mesa Local do Comercio que celebrará a súa sesión constitutiva o vindeiro 10 de outubro. As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, destacaron a creación deste órgano colexiado, que “permitirá poñer en común as necesidades do comercio local, e expor iniciativas que permitan visibilizar o comercio local do municipio”.

Trátase dun órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre o a Administración local-Concello de Mos e os representantes do sector comercial. Regulado polo Decreto 183/2011 de 15 setembro, da Consellería de Economía e Industria.

Segundo explicaron a rexedora local mosense e a edil Julia Loureiro “os obxectivos son lograr unha maior visibilización e dinamismo do comercio local, erixirse en foro de debate plural e eficaz e en espazo consultivo e de coordinación local, co obxectivo de consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial de Mos”.

Esta Mesa Local do Comercio súmase e compleméntase coa campaña xa en marcha baixo o título de Queda en Mos, de apoio e fomento do consumo no comercio local, e ten como funcións: Realizar campañas de promoción, estudos sobre a situación do comercio, plans de dinamización. Formación de empresarias e empresarios e persoal traballador. Programas relacionados con novas tecnoloxías e I+D+i. Elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades organizadas polas persoas comerciantes. Actuar como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten ao comercio do municipio. Propoñer ao concello cantas medidas, iniciativas e propostas considere conveniente para o desenvolvemento e mellora do sector. Ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana. E informar en todos aqueles asuntos que, pola súa relevancia para o comercio, lle sexa solicitado pola consellería competente na materia.

Dos 315 concellos de Galicia, só 168 teñen constituída Mesa Local do Comercio, e na provincia de Pontevedra tan só 55.

Na Mesa constitutiva do vindeiro 10 de outubro comparecerán a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Director Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, a Asociación de Hostalería e Turismo de Mos “BARES-MOS”, a Asociación de empresarios do municipio AEMOS e representantes do comercio mosense entre os que se atoparán MUEBLES SOLIÑO, TORGALI, E.S.P.J., PAIS AUTOMOCIÓN e EDITORIAL EDIMAES en representación de máis de 40 comercios locais de Mos; Tamén representantes da asociación local/provincial de persoas consumidoras e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios «RIAS BAIXAS”.

A Mesa convocarase en sesión ordinaria unha vez ao ano e as sesións extraordinarias necesarias notificadas cunha antelación mínima de 48 horas. As actas das sesións deberán ser remitidas en copia dixital á Dirección xeral competente en materia de comercio no prazo 1 mes dende a celebración da sesión.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS