jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidade'Volta ao cole' oficial para a comunidade educativa do Porriño

‘Volta ao cole’ oficial para a comunidade educativa do Porriño

Os equipos directivos de todos os centros educativos do municipio xunto co alcalde, a concelleira de Educación e a inspectora educativa reuníronse hoxe para presentar o
curso 24-25

O CEIPP Antonio Palacios acolleu hoxe a presentación do curso escolar cos equipos directivos de todos os centros educativos do Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a inspectora de educación, Rosalía Polo, reuníronse cunha representación de todos os centros para dar a benvida a este curso e estudar posibles melloras a acometer.


A inspectora destacou a importancia de contar cunha comunidade educativa unida “como é o caso deste Concello, no que a pesar das súas diferenzas van todos a unha”. Rosalía Polo quixo tamén poñer en valor o “enorme traballo que realizan os equipos directivos do Porriño, aquí hai grandes líderes educativos e moi bos xestores”.


No mesmo sentido se manifestou a concelleira, Carolina González, que “como concelleira e como compañeira so teño palabras de agradecemento a todos eles” e trasmitiu o seu “compromiso con facer todo o posible para seguir mellorando a calidade educativa do Porriño”.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, recolleu e fixo propio este agradecemento reiterando que “sempre teredes a nosa man tendida para o que necesitedes, tanto para intervir cando nos corresponde como para xestionar melloras con outras administracións. Sabemos que hai moito por facer pero non por iso baixamos o ritmo, as vosas demandas son sempre prioritarias para nós xa que delas depende que os nosos nenos e nenas reciban a mellor educación nas mellores condicións”.


O acto contou tamén cunha sorpresa, dúas actuacións de coros infantís do cole que prepararon para a ocasión dúas cancións.

3.000 estudantes matriculados no Porriño
Preto de 3.000 estudantes dos distintos niveis educativos; desde infantil ata bacharelato, incluíndo ciclos medios e superiores de Formación Profesional e o alumnado de ACEESCA; cursan os seus estudos no Porriño.


Neste curso académico hai 445 alumnos/as de Educación Infantil, un 15,2% do total, e o centro con máis alumnos de 3 a 5 anos é o CEIPP Antonio Palacios, con 109 cativos e cativas. Educación Primaria suma 1.127 estudantes, un 38,4% do total, sendo o CEIPP Fernández López o que acolle o maior número deles: 268.


A Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) conta con 840 estudantes, un 28,6% do total, dos cales 381 cursarán no IES Pino Manso. O alumnado de Bacharelato do IES Pino Manso duplica ao do IES Ribeira do Louro, e en total suman 282 estudantes, un 9,6% dos alumnos e alumnas que comezan este curso nos centros educativos do Porriño. A Formación Profesional comeza setembro con 214 estudantes: 89 de FP Básica, 58 de Ciclos Medios e 67 de Ciclos Superiores. Pola súa banda, ACEESCA conta con 28 alumnos e alumnas.


En xeral, os números totais de estudantes son moi similares ao curso anterior. O centro educativo con máis alumnos/as este ano é o IES Pino Manso, cunhas 30 matriculas máis que o ano pasado, superando a barreira dos 600 alumnos e alumnas. O CPR Hermanos Quiroga e o CEIPP da Ribeira tamén incrementan alumnado este curso.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS