O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle este xoves, 3 de outubro, ás 20.00 horas a reestrea de «Terceiro acto», produción propia do Centro Dramático Galego de 2021. O obra regresa aos escenarios como parte da conmemoración do 40 aniversario da unidade teatral da Xunta de Galicia. O espectáculo, con novos nomes no elenco, permanecerá en cartel na capital de Galicia ata o día 20, para iniciar despois unha xira por outros oito concellos galegos.
A peza ten a dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, como a incorporación de Laura Míguez como axudante de dirección. Ademais, a obra conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Os tres últimos tómanlle a testemuña a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco reunido hai tres anos. Así mesmo, consérvanse as realizacións artísticas orixinais. Estas son a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz.
«Terceiro acto» ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, modificar e reconciliarse co que xa non está. Ao mesmo tempo reflexionarán sobre o terceiro acto das súas vidas. Ademais, analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.