viernes, noviembre 22, 2024
InicioO PaísA CoruñaO Rosal, A Guarda e A Laracha únense para recuperar a memoria...

O Rosal, A Guarda e A Laracha únense para recuperar a memoria das telleiras

Autoridades, cabaqueiros rosaleiros e familiares participaron no municipio coruñés nun acto de irmandade que rematou coa presentación do libro de Xabier Maceiras

Un pasado de barro e lousas que une terras e xeracións. Os concellos do Rosal, A Guarda e A Laracha deron un paso máis na súa irmandade arredor das tellas cun acto celebrado esta fin de semana no municipio coruñés.

Nesta cita, os representantes dos tres municipios asinaron un Pacto de Amizade que culmina un camiño iniciado xa a principios de ano, onde comezou o camiño de irmanamento das tres localidades.

As autoridades do Rosal, A Guarda e A Laracha (A Coruña) estiveron presentes xunto a cabaqueiros rosaleiros e familiares. Os asistentes presenciaron o inicio dunha nova etapa de colaboración para recuperar a memoria e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial que compartiron durante décadas as tres localidades a través dás antigas telleiras.

A xornada, cargada de emocións, contou cun roteiro guiado por antigas telleiras e cunha demostración en vivo da fabricación artesanal de tellas de Pepe O Buraco, unha personaxe senlleira do Rosal, cabaqueiro retirado e memoria vida dun oficio que se viviu en case todas as familias rosaleiras da época.

En relación a isto, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destacou a importancia deste proxecto xa que “recuperar e manter viva a historia das telleiras é preservar a identidade común dos nosos pobos» e engadía sobre a iniciativa, «o pacto sela a nosa vontade de continuar coidando e difundindo o noso legado cultural”.

Un vínculo que comeza a principios do século XX

O acto pechouse coa presentación do libro «As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño». Unha obra do escritor e documentalista, Xabier Maceiras, o cal a través dun estudo narra o vínculo entre os tres concellos e a súa relevancia na industria artesanal de Galicia dende inicios do século XX ata a actualidade.

O libro pon de manifesto a importancia do Baixo Miño na historia das telleiras larachesas, cun peso fundamental tanto dos empresarios procedentes da comarca como dos baixomiñotos que achegaban a man de obra nas factorías.

A colaboración e irmandamento entre O Rosal, A Guarda e A Laracha é dos primeiros pasos dunha serie de iniciativas que buscarán fomentar a investigación sobre as telleiras e os cabaqueiros locais e as súas tradicións, desenvolver actividades que transmitan á veciñanza coñecementos sobre os oficios tradicionais, visibilizar ao público os espazos e lugares asociados historicamente a esta industria e destacar as relacións laborais e de amizade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS