Máis de 50 veciños participaron na recollida de lixo nun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión, onse se recolleron máis de 200 quilos de lixo
A XVIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este fin de semana en ata 56 concellos de toda Galicia e na que participaron máis de 70 entidades. Un destes concellos foi Soutomaior que considerou a iniciativa «todo un éxito».
Na cita participou tamén o concelleiro de Medio Ambiente, Pablo Garrido, e a concelleira de Medio Rural e Comunidades, Charo Bouzón.
O obxectivo desta limpeza simultánea foi a limpeza das contornas naturais a traves dunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Desta forma, a concienciación medioambiental foi un dos piares principais desta convocatoria, onde tamén se incidiu na importancia dos ecosistemas fluviais e da correcta xestión dos residuos.
A actividade, coordinada por Adega e organizada polo Concello de Soutomaior, participaron máis de 50 veciñas e veciños. Así formouse un grupo que traballou na retirada de lixo ao longo de toda a mañá do domingo, así como na eliminación da flora invasora dun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión.
Debido ao éxito da convocatoria, un grupo de persoas tamén se achegou ata a zona do Refuxio de Pescadores para levar a cabo neste espazo labores de limpeza.
Finalmente, os participantes levaron como agasallo unhas camisolas co lema da limpeza.