Os traballos de pavimentación e mellora na estrada de Outeiro de Reboreda realizarase no último trimestre deste ano. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela adxudicou este mes o contrato destas obras á UTE Oresa-Covisa Reboreda por un importe de 165.821,90 euros. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, está previsto que comecen no próximo mes de outubro.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros Infraestruturas, Roberto Villar, e Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron a zona na que comezarán os traballos en breve. Villar explicou se trata dunha “intervención moi necesaria para renovar todo o pavimento da estrada e mellorar a drenaxe, cunha rede de recollida de pluviais que evitará a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes”. Esta estrada, cunha lonxitude de 1.147 metros, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. “As obras suporán tamén unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
A nova rede de recollida de augas pluviais farase a todo o longo da estrada, polas marxes. Co fin de optimizar esta nova drenaxe instalaranse diferentes puntos de aliviadoiro da carga de augas pluviais. En canto ao novo pavimento, antes de proceder ao estendido da capa de rodaxe procederase ao fresado do aglomerado existente nas entradas das leiras onde a subida de cota poida supor un problema coas augas pluviais. Así mesmo, procederase á limpeza das cunetas e noiros do camiño. Posteriormente procederase ao varrido do firme actual e ao estendido da nova capa de rodaxe de aglomerado asfáltico en quente de cinco centímetros de espesor final, estendido e compactado con medios mecánicos.