Nesta xornada comezou no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro o XXV Curso de Investigación en Psiquiatría, organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría (AGP). Este acto inaugural contou coa presencia do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; e a directora Asistencial da Área Sanitaria de Vigo, Esther Casal Rodríguez.
Na inauguración deuse a benvida aos relatores e participantes neste curso. Unha das figuras principais é o co-coordinador do evento e doutor José Manuel Olivares, Xefe do Servizo de Psiquiatría da Área sanitaria de Vigo e investigador principal do Grupo Neurociencia Translacional do IIS Galicia Sur. O especialista agradeceu a presenza de participantes e relatores ao longo deste cuarto de século, así como o apoio prestado por empresas e institucións.
Así mesmo, nesta presentación fíxose unha especial mención a un dos relatores asistentes, o doutor Germán Berrios, catedrático emérito de Epistemoloxía e Psiquiatría da británica Universidade de Cambridge. Como homenaxeado agradecéuselle a súa colaboración permanente con estes cursos impartindo sempre unha conferencia maxistral. Tal e como subliñaron o Dr. Olivares e o Dr. José Ramón Villamarín, o outro co-coordinador do curso, é un dos principais impulsores da celebración destes encontros anuais. Como broche desta homenaxe, os participantes neste XXV Curso serán agasallados coa última edición en castelán da súa derradeira publicación.