A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras da nave de deportes náuticos da Sociedade Deportiva Tirán por máis de 288.000 euros. Está no marco do convenio aprobado o mes pasado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Moaña por case 329.000 euros.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Alvárez, visitaron hoxe as instalacións para presentar os traballos que se van a realizar. Lembraron que a colaboración a tres bandas -cunha achega de máis de 90.000 euros en cada caso- permitirá dotar ao club de remo da localidade dunha sede con mellores condicións. Sinalaron que está previsto que os traballos comenzan a principios do próximo ano cun prazo de execución aproximado de tres meses. Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín, e representantes da Sociedade Deportiva Tirán.
Segundo recolle o proxecto que hoxe se vén de licitar, a reforma da nave incluirá a ampliación do edificio en planta baixa, cunha nave cuberta e aberta para gardar os remolques de transporte das embarcacións e un novo vestiario accesible na planta baixa. Ademais, nesta planta eliminaranse os desniveis existentes no interior da nave principal para dispoñer dun percorrido integramente practicable.