viernes, septiembre 27, 2024
InicioNewsO PaísO BNG esixe ao PP que "deixe de xogar coa saúde da...

O BNG esixe ao PP que «deixe de xogar coa saúde da veciñanza do Salnés»

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, denuncia que se está a utilizar a ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés para traslados a outros centros

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, esixiulle ao PP que deixe de «xogar coa vida e coa saúde da veciñanza do Salnés» ao permitir que se use a ambulancia medicalizada con sede no Hospital comarcal para facer traslados de doentes non clínicos a outros hospitais, deixando descuberta á poboación da comarca durante horas.

Na proposición defendida por Montse Prado pedíase, entre outras demandas, a rectificación desta decisión, é dicir, que eses traslados se realizasen coa UVI móbil destinada a este fin e que conta con persoal facultativo e de enfermaría do servizo de urxencias do propio hospital, con gardas localizadas e remuneradas. O PP votou en contra desta rectificación.

A deputada advertiu que, só no que levamos de mes, xa están adxudicados máis de vinte traslados entre hospitais. “Pero como é posible que o teñan para iso? Se non é unha revancha para os profesionais, que levan demandando que esa ambulancia cumpra co que ten que cumprir, paréceo”, afirmou Prado durante a súa comparecencia.

Á deputada resúltalle “incrible” que o 061 diga que están atendidas as urxencias da poboación do Salnés. “Unha auténtica burla porque unha ambulancia básica non ten nin a medicación, nin os recursos nin os dispositivos para atender as emerxencias vitais” advertiu a representante do BNG.

Na súa exposición de motivos, a deputada nacionalista argumentou que o transporte sanitario urxente «é unha peza clave na asistencia sanitaria, dada a dispersión xeográfica do noso país e das enormes distancias a percorrer en moitas zonas para chegar a un hospital».

“Hoxe o PP vota en contra de que se elabore un estudo de cal é realmente a situación do transporte sanitario urxente ou que medidas hai que tomar para que realmente atenda á poboación”, lamentou Prado.

Prado sinala que os tempos de resposta «son insuficientes»

A portavoz de Sanidade afirma que as carencias do servizo “non só as denuncia desde hai anos o BNG, xa que o último informe do Consello de Contas deixa claro que os tempos de respostas son insuficientes e que hai miles de galegos e galegas que non teñen asistencia urxente diante desta necesidade·.

Segundo denunciou, hai 137 concellos onde nunca chega unha ambulancia medicalizada e case un millón de galegos e galegas de 229 concellos están fóra da isócrona, é dicir, dos tempos de resposta, que no servizo de Soporte Vital Básico (SVB) debería ser de 15 minutos e no de Soporte Vital Avanzado (SVA), de 20.

Por outro lado, en 198 concellos, que concentran o 22% da poboación con máis de medio millón de habitantes, os tempos de resposta nas AA-SVB están por riba do máximo establecido, chegando a triplicarse. “Son datos que deberían facer reflexionar á Xunta do Partido Popular” remarcaba a nacionalista.

Prado lamentou que o PP tamén votase en contra de que o helicóptero permaneza na base do Hospital do Salnés durante todo o ano e que nos meses do verán se reforce con outro en Sanxenxo e O Grove. Ademais, tamén se menaifestou en contra de dotar de dous técnicos a ambulancia medicalizada do Salnés, “necesarios para realizar con eficiencia o traballo».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS