O sindicato CIG realizou hoxe, ás 12.00 horas, unha concentración fronte á casa do Concello de Vigo para denunciar a negativa do goberno local a permitir a instalación dun monumento conmemorativo da folga xeral vivida en Vigo en 1972. Antes da protesta realizarase unha asemblea de delegados sindicais no auditorio municipal durante a que se proxectará o documental Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega, acto no que participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Desde a CIG quérese resaltar que naquela folga xeral está a orixe do sindicalismo nacionalista, aínda que pasaría por varias siglas diferentes e unificacións antes de confluír na actual central sindical denominada Confederación Intersindical Galega.
O monumento foi encargado, realizado e pago polo escultor Javier Diéguez Mosquera, membro da Asociación de Canteiros de Galicia. Está conformado por catro grandes bloques de pedra, entre 2,3 e 1,2 metros de longo. En cada un deles grávanse os díxitos do ano 1972 e, entre as dúas centrais intúese unha estrela vermella de cinco puntas.