A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe que o Perte aeroespacial se axuste ás necesidades das empresas para que os fondos cheguen ao tecido produtivo. “Necesitamos os fondos do Perte aeroespacial e precisamos que se deseñen traballando cos sectores para acertar nas convocatorias”, dixo.
Lorenzana inaugurou hoxe a terceira edición do New Space España onde sinalou que en Galicia o sector aeroespacial creceu na última década de forma sólida. Xustifica que foi impulsado polas capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galegos, “porque fomos capaces de atraer e reter talento e pola colaboración da Administración co sector”, subliñou.
Durante a intervención, a conselleira explicou que se trata dun sector cun alto compoñente de I+D+i e cunha gran capacidade de transferencia dos resultados a outros ámbitos. “Isto foi unha das chaves para que foramos capaces de potenciar en Galicia esta industria”, dixo.
Neste sentido, destacou que “en máis de oito anos cos apoios que lanzamos desde o Goberno galego, fomos capaces de promover a entrada de empresas galegas na cadea de valor, unha das finalidades da compra pública e privada de innovación”. Así, ata 2028 a Xunta terá achegado 102 millóns de euros de recursos propios ao sector aeroespacial e terá mobilizado un investimento total de 375 millóns de euros.