A Fundación Montescola e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciaron esta mañá en rolda de prensa as irregularidades en materia de minas da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Reclaman a tramitación da transmisión das concesións e a aprobación do proxecto de explotación da Mina San Acisclo do grupo Urbas no concello de Muras.
Unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) procedeu a anular a autorización mineira outorgada a Materiales Cerámicos Materias Primas, S.L. Esta anulación foi por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. «A sentenza pon en evidencia o cúmulo de ilegalidades no que incorreu o procedemento, aínda que non se pronuncia sobre as responsabilidades penais, por tratarse dun recurso contencioso-administrativo», aseguran desde SLG-CCLL.
O SLG e a Fundación Montescola veñen facendo seguimento deste proxecto dende que no ano 2020 tiveron coñecemento da posibilidade de reapertura desta explotación mineira. As sospeitas iniciais sobre as irregularidades levantáronse cando a Xunta demorou meses en resolver as solicitudes de información. Detiveron documentos chave que expuñan a actuación dos altos cargos a pesar da existencia de informes de funcionarios da Consellería. Estes alertaban de que as concesións mineiras estaban caducadas. De feito, o SLG tivo que acudir á Valedora do Pobo para forzar á Xunta a entregar os documentos.