As entidades promotoras de proxectos ou socias do GALP Ría de Vigo – A Guarda beneficiaranse de mellores condicións no acceso a créditos e seguros relacionados co oficio
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo – A Guarda e ABANCA veñen de renovar a súa colaboración en materia financeira coa sinatura dun novo documento onde se inclúen diversas alternativas de financiamento, produtos axustados ás esixencias do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, e unha atención especializada.
A través deste acordo, búscase promover a modernización do sector pesqueiro nos municipios integrantes do GALP como son Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Así, poderán impulsar novas oportunidades de crecemento e mellorando a súa resiliencia fronte aos desafíos da sociedade actual.
O convenio foi asinado polo presidente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, Juan Manuel Gregorio, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, nun acto que simbolizou a aposta das dúas entidades por fortalecer e acompañar a evolución dun sector clave para a economía e cultura da rexión.
Vantaxes para os profesionais vinculados ao GALP Ría de Vigo – A Guarda
A nova alianza pon especial atención no acceso ao crédito. Desta forma, as entidades vinculados ao GALP e os proxectos presentados a este organismo beneficiaranse de mellores condicións na contratación dos produtos de ABANCA, tanto para o lanzamento de novas iniciativas como para a mellora da competitividade dos proxectos que xa están en marcha.
Entre as opcións dispoñibles atópanse pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, avais ou liñas de desconto entre outros produtos. Tamén se ofrecerán produtos deseñados co obxectivo de promover a sostibilidade do sector, como a hipoteca naval.
Ademáis contémplanse seguros personalizados para o colectivo pesqueiro e información detallada sobre opcións de financiamento a través de acordos oficiais que ABANCA mantén con organismos públicos.