A proba celebrarase este domingo 29 de setembro e terá un fin solidario a favor da Asociación contra o cancro de páncreas
O 15K do Atlántico Banco Mediolanum quenta motores. A carreira celebrarase este domingo, 29 de setembro, cunha proba que chega xa á súa undécima edición con preto de 1.000 participantes e cun claro fin solidario a favor da Asociación Contra o Cancro de Páncreas (Acanapan), cumprindo a última vontade de Dani Domínguez, xermolo de «Un sorriso que ilumine o mundo».
José Carlos Martínez, concelleiro de Deportes do Rosal, destacou a importancia deste evento para a comarca que tamén permite reivindicar “que no Rosal, aínda que moita xente non o saiba, tamén temos mar. O impresionante miradoiro de Portecelo será, de feito, o punto de saída da proba máis corta da 15K do Atlántico”.
A carreira volve realizar un ano máis o mesmo percorrido unindo O Rosal, Oia e A Guarda por un trazado incomparable como é o Camiño de Santiago pola Costa.
O evento contará con tres opcións para as persoas que desexen participar como as tradicionais 15K ou a Mini 15K de 7,5 quilómetros que vai dende Portecelo ata A Guarda e a andaina de 15 quilómetros.
En caso de non poder participar na proba e querer colaborar de forma solidaria coa iniciativa impulsada pola 15K, as persoas interesadas poderán adquirir a camiseta conmemorativa do evento. A recadación íntegra doarase a Acanapan.