A Xunta de Galicia é a encargada de financiar a adquisición deste vehículo a través dunha achega de case 30.000 euros que corresponde ao fondo de compensación ambiental
Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, desprazouse esta mañá ao concello de Quintela de Leirado para, xunto co alcalde, José Antonio Pérez, pór en valor a adquisición dun vehículo eléctrico financiado a través da achega de case 30.000 euros ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente ao 2024 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O delegado territorial destacou que o concello de Quintela de Leirado leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións.
Desta forma, a nova furgoneta facilitará o acceso ás distintas rutas de bicicleta e sendeirismo dos operarios municipais que traballan na súa conservación, e será empregado tamén para a recollida do lixo en varios núcleos de poboación do concello dúas veces á semana, aos que no pode acceder o camión de recollida do lixo, xa que teñen accesos moi estreitos e non é posible paso.
Pardo incidiu na importancia de apoiar aos concellos con actuacións que optimicen os seus recursos e melloren a súa eficiencia enerxética. Neste senso, salientou os máis dos 11 millóns de euros de orzamento cos que conta o Fondo de Compensación Ambiental e os 5 millóns correspondentes ao Fondo de Cooperación Local.
Ademais, salientou que como novidade este ano, os concellos dispoñen tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.
Reunión co alcalde de Quintela de Leirado
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro co alcalde. José Antonio Pérez, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.