Na celebración estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, onde reafirmou o apoio do Goberno galego cos plans directores en sectores estratéxicos como o naval ou a automoción para impulsar a produtividade e avanzar cara a unha industria máis sustentable
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe a importancia dos centros tecnolóxicos como motores da innovación e competitividade do tecido industrial galego, sendo pezas clave para afianzar a pegada industrial de Galicia e atraer novos investimentos que permiten o crecemento da comunidade.
Así o asegurou durante o acto de celebración do décimo aniversario do Centro de Aplicacións Láser de Aimen, destacando o seu papel fundamental no desenvolvemento e modernización do tecido industrial galego.
Rueda lembrou que este centro, o maior das súas características no sur de Europa, é froito da colaboración entre a Xunta, o Goberno central e o tecido empresarial, resaltando unha vez máis a importancia da colaboración público-privada para apoiar a innovación e o progreso industrial en Galicia, impulsando a transferencia de coñecemento. Do mesmo xeito, resaltou a aposta polo talento investigador de Aimen, apuntando que “vir a Galicia a desenvolver unha carreira investigadora merece cada vez máis a pena”.
O Centro de Aplicacións Láser, que ten participado en máis de 250 proxectos de I+D+i, é unha peza clave para a competitividade do tecido empresarial galego, especialmente en sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou o metalmecánico, que representan o 40% do emprego industrial da comunidade.
Neste sentido, Rueda lembrou que a Xunta xa presentou os plans directores dos sectores naval e da automoción, que enmarcou no obxectivo de «seguir sendo punteiros, seguir sendo innovadores, seguir tendo industrias moi potentes que se non van estar noutros lugares, mentres preservamos o que todos queremos e valoramos que é o noso medio ambiente”.
Neste contexto, sinalou as oportunidades que se abren para a industria galega no eido da eólica mariña, que permitirá que centros como Aimen sigan medrando.