O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou o Concello de Crecente para asinar un novo convenio de colaboración. Este trata a intervención nun treito de máis de 550 metros da estrada provincial EP-5005. Neste tramo, en colaboración co goberno local, investiranse uns 245.000 euros para a construción dunha senda peonil. “Unha nova mostra de que a Deputación segue tendendo pontes cos concellos para mellorar a calidade de vida dos veciños, segue dotando á provincia de mellores infraestruturas e segue cumprindo coas súas obrigas en materia de mantemento de estradas”, afirmou o mandatario provincial nun acto co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo. Neste acto tamén estivo presente a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo.
Neste acordo de colaboración, a Deputación achega o 80 % do orzamento, aportando uns 195.200 euros, e o Concello investirá os 48.800 euros restantes. A través deste documento, séntanse as bases para a actuación nun treito de 570 metros da EP-5005, que une as localidades de Ponte Ribadil e Crecente. O proxecto contempla a creación dun itinerario peonil de 2,50 metros de ancho na marxe esquerda. Así mesmo, para garantir a seguridade viaria, o proxecto contempla a instalación de pasos de peóns sobreelevados e a mellora da sinalización horizontal e vertical.