Os institutos tudenses entran no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que supón un investimento nos centros educativos da provincia de Pontevedra de case 100 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o IES Indalecio Pérez Tizón e o IES San Paio, no concello de Tui.
No caso do IES Indalecio Pérez Tizón, Reguera puido comprobar o resultado das obras de substitución da cuberta, que contaron cun orzamento de máis de 366.000 euros. Estas supuxeron unha importante mellora que, segundo explicou o director do centro, afecta de forma moi positiva ao día a día do alumnado e do corpo docente.
Cabe destacar que a consellería de Educación ten prevista a instalación de placas fotovoltaicas neste mesmo centro. Esta actuación, concretamente, contará cun financiamento de máis de 27.000 euros e coa que esperan reducir o custe enerxético do edificio.
Por outro lado, en relación ao IES San Paio, o delegado visitou varias aulas nas que a Xunta retirou os antigos encerados e instalou novos paneis interactivos que combinan as funcións tradicionais con novos sistemas informáticos que permiten expandir os seus usos.
Para levar a cabo a retirada dos vellos encerados e colocar os novos, fixéronse varias melloras no centro e que se combinaron con outras complementarias na rede de pluviais e no patio. Neste caso, controuse cun orzamento total de 90.000 euros.
No San Paio, tamén se acometeu a actualización da instalación de iluminación existente, colocando novas luminarias de tecnoloxía Led, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. Así mesmo, renováronse os falsos teitos en diversas zonas que non se atopaban nun bo estado. Os traballos de renovación neste centro contaron cun investimento preto dos 165.000 euros.
Os centros educativos galegos beneficiarios destas axudas
As obras encádranse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros.
Cabe destacar que neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98% destas obras, por un importe de máis de 229 millóns de euros. O 2% restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.