Unha mostra lembra este acontecemento artístico na Sala Municipal de Exposición dende este venres 27 de setembro
Nacida dunha colaboración entre o Concello de Tui e a Fundación Xavier Pousa, este venres, 27 de setembro, ás 19.30 h inaugurase, na Sala Municipal de Exposicións no edificio Francisco Sánchez, a mostra “A exposición secuestrada. Estampa Popular Galega, Tui-1968”.
Esta mostra está comisariada por Xosé Enrique Acuña. Na mesma recupérase a exposición orixinal de “Estampa popular galega” que no mes de setembro de 1968 fora prohibida polas autoridades da ditadura franquista tras ser programada no desaparecido Restaurante-Bar Galicia de Tui despois de que previamente percorrera sen especiais problemas outras localidades galegas.
A Estampa Popular Galega (EPG), foi un movemento artístico de vangarda creado en Galicia en 1968 onde se agrupaban un grupo de pintoras e pintores descontentos co réxime franquista e que como norte teórico tiñan a intención de “achegar a arte ao pobo”. Encabezados por Raimundo Patiño e Xavier Pousa, optaron por expoñer a súa obra en lugares populares como feiras, bares ou tabernas sempre en forma de gravados e con prezos populares. A EPG seguía a estela dunha serie de movementos semellantes que se desenvolveran por toda España desde 1959 e que estiveron sempre impulsados por artistas que se movían dentro da oposición á ditadura franquista.
En Tui, a mostra da Estampa Popular Galega foi secuestrada pola policía franquista baixo a acusación de inxurias ao exército despois de ser programada no Bar-Restaurante Galicia. O pintor Xavier Pousa, foi encarcerado e detido xunto a Elvira M. Villa, os dous promotores da exposición, que pasaron a ser sometidos a un procedemento aberto pola xustiza militar que semanas despois sería finalmente sobreseído tras transcender esta actuación represiva incluso na prensa europea.
Na exposición, que se inaugurará este venres, ofrécense gravados de Raimundo Patiño, Lodeiro, Sevillano, Barreiro, Bea Rey, Alfonso Gallego Villa, Pedro Agrelo, Vázquez Diéguez, Xulio Maside e Laxeiro. Tamén os que presentaron Elvira M. Villa, Xavier Pousa e Xosé I. Pedrosa, o autor da estampa que en Tui foi especialmente denunciada por “injurias al Movimiento Nacional”. En paralelo, ofrecese unha serie de documentación orixinal da EPG e materiais gráficos de contexto que á súa vez están recollidos no catálogo que se edita con motivo da mostra.
Tras a resolución do conflito por parte do xulgado militar eventual de Pontevedra, os gravados incautados foron devoltos aos impulsores da mostra de Tui e pasaron a ser custodiadas por Xavier Pousa. Falecido o pintor, a súa viúva, a galerista Carmela Arbones, resgardounos no seu domicilio e durante décadas alí foron salvagardados. Agora, reaparecen 56 anos despois para ser de novo expostos, coa singularidade de que se amosan tal e como se descubriron. Segundo Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, “exporanse sen agochar nin as súas feridas nin tampouco as cicatrices que padeceron tanto polo seu ocultamento preventivo, como todo aquilo que, sobre elas, causou o paso do tempo” e mais tamén para “abordar a primeira homenaxe a este movemento artístico que se realiza en Galicia”.
O acontecido con esta exposición secuestrada en Tui en 1968 significou o final real do movemento da Estampa Popular Galega. Pousa e Elvira M. Villa, os seus compoñentes principais, sentiron o peso da represión e das ameazas que recibiron por parte da Brigada Político-Social, a policía política franquista, na comisaría de Pontevedra e mesmo tras a súa liberdade estiveron continuamente vixiados.
Desde o Concello de Tui, sinala a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, prográmase esta mostra para que “se converta nunha merecida restitución e nun acto de xustiza. Reparar á Estampa Popular Galega como un acto efectivo de memoria histórica democrática”. Nese sentido afirma que se asume o evento “como homenaxe aos homes e mulleres que promoveron, en tempos de limitacións das liberdades políticas e sociais, a chegada de novos aires que invitaban a olladas diferentes, á frescura da creación artística, o rexurdimento da vida social e así rachar coa estreiteza e escuridade á que o franquismo nos tiña condenados”.
A exposición estará aberta dende este venres, 27 de setembro, ata o 26 de outubro.