jueves, noviembre 21, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoSoutomaior modificará o crédito para destinalo a infraestruturas e ao canón de...

Soutomaior modificará o crédito para destinalo a infraestruturas e ao canón de Sogama

O Concello critica que o incremento do canon de Sogama «é unha subida de impostos da Xunta que pode chegar a triplicar o recibo de lixo da veciñanza de Soutomaior»

Soutomaior aprobará unha modificación de crédito de máis de 500.000 euros no pleno ordinario do mes de setembro. Esta terá como obxectivo destinar os cartos para poder levar a cabo diversas actuacións e obras no que queda de 2024.

A modificación de crédito tamén inclúe, entre outras cuestións, varios asfaltados na contorna do campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira, así como unha actuación no salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou as múltiples obras que están a desenvolver na actualidade dende o Concello como a ampliación do aparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla que pasa de 15 a 60 prazas, a humanización da Praza da Aldea ou o arranxo da estrada de acceso ao barrio de Cortellas.

En total, a entidade local prevé mobilizar arredor dun millón de euros en investimentos para a mellora de diferentes infraestruturas e espazos do concello, co obxectivo de beneficiar á veciñanza.

Neste sentido, o rexedor local aclarou que «a modificación de crédito é unha ferramenta empregada habitualmente polos concellos e que vai ter consecuencias positivas para os veciños e veciñas de Soutomaior, xa que lle permitirá ao goberno local desenvolver importantes investimentos e obras nos barrios».

Facer fronte á suba do canon de Sogama

Por outra parte, o Concello tamén aprobará esta modificación de crédito co obxectivo de facer fronte á suba do canon de Sogama anunciada o pasado mes de xullo.

O alcalde Manu Lourenzo criticou que este incremento do canon tradúcese nunha suba de impostos da Xunta á veciñanza de Soutomaior.

Este incremento dos impostos da Xunta, sumados aos custos asociados ao novo contrato de recollida de residuos que terá que firmar o Concello, «podería chegar a triplicar o recibo do lixo para os veciños e veciñas de Soutomaior» informaron dende o Concello.

Lourenzo explicou que “a oposición leva toda a vida criticando que imos subir os impostos e as taxas pero agora son eles os que aplican unha suba de impostos á veciñanza de Soutomaior. A normativa estatal impídenos aplicar bonficacións no recibo do lixo, polo que esta suba de impostos da Xunta repercutirá de maneira directa e completa aos petos dos veciños e veciñas de Soutomaior”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS